María Josefa Ruiz Tovar recibe a Medalla Emilia Pardo Bazán polo seu papel pioneiro na igualdade na Xustiza

LugoXa | ACoruñaXa
A maxistrada foi a primeira muller en presidir unha Audiencia Provincial en Galicia e a cuarta en España; acumula máis de catro décadas de traxectoria profesional
MEDALLAS EMILIA PARDO 2026
5 Nov 2026

A maxistrada María Josefa Ruiz Tovar, actual presidenta da Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña, recibiu este xoves a Medalla Emilia Pardo Bazán en recoñecemento á súa contribución ao avance da igualdade na Administración de Xustiza. A distinción, entregada pola Xunta nun acto celebrado no Grove, destaca unha carreira profesional de máis de catro décadas marcada polo compromiso co servizo público e o rigor xurídico.

Ruiz Tovar foi a primeira muller en presidir unha Audiencia Provincial en Galicia, a de Lugo, e a cuarta en alcanzar esta responsabilidade en todo o Estado. A súa designación supuxo un fito na incorporación das mulleres aos postos de máxima responsabilidade da carreira xudicial. Na actualidade, tres das catro Audiencias Provinciais galegas están presididas por maxistradas.

O acto contou coa presenza do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, entre outras autoridades. A Xunta puxo en valor a súa traxectoria e a súa contribución ao fortalecemento das institucións xudiciais.

Máis de corenta anos de carreira xudicial

A maxistrada accedeu á carreira xudicial por oposición e tomou posesión do seu primeiro destino en 1983, no Xulgado de Distrito de Neda. Posteriormente exerceu en Betanzos, Cuenca e Lugo. En 1985 asumiu a titularidade do Xulgado de Distrito número tres de Lugo.

Máis adiante trasladouse á Coruña, onde ocupou o Xulgado do Penal número tres ata 1994. Ese mesmo ano pasou ao Xulgado de Primeira Instancia número 6 da cidade e, en 1997, foi nomeada maxistrada da Sección Quinta da Audiencia Provincial da Coruña.

En 2000 foi designada presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, responsabilidade que desempeñou durante máis dunha década. Desde 2011 preside a Sección Terceira, de carácter civil, da Audiencia Provincial da Coruña.

Ao longo da súa carreira participou en tribunais que ditaron resolucións de especial relevancia, entre elas a que confirmou a titularidade pública do Pazo de Meirás.

0.80213093757629