María Teresa Ropero conquista o primeiro Campionato de España Feminino de Pool 14.1

O Club de Billar Adai acolleu o mércores, 20 de maio, o inicio dos Campionatos de España Femininos de Pool 2026, organizados pola Real Federación Española de Billar baixo a coordinación do club lucense.
A principal novidade desta edición foi a incorporación, por primeira vez, da modalidade de Pool 14.1, tamén coñecida como Straight Pool, co obxectivo de continuar impulsando este deporte a nivel europeo xunto ás modalidades xa habituais de bola-8, bola-9 e bola-10.
Na primeira xornada disputouse o I Campionato de España Feminino de Pool 14.1, no que a xogadora galega María Teresa Ropero se proclamou campioa tras unha destacada actuación ao longo do torneo.
A deportista profesional, afincada en Compostela e unha das grandes favoritas ao título, ofreceu unha exhibición na final ao vencer á representante asturiana Mirella Feito por un contundente 65 a 27.
O podio completouse con Silvia López, da Federación Catalana, e Verónica González, da Federación Galega, ambas semifinalistas da competición.
Con este triunfo, María Teresa Ropero sitúase provisionalmente á fronte da clasificación xeral cando aínda restan por disputarse tres modalidades máis. A xogadora galega mantén así intactas as opcións de asegurar unha das prazas para representar a España nos Campionatos Europeos Femininos de Pool 2027.
A competición continúa hoxe nas instalacións de Adai coa disputa da modalidade de bola-10.