Mateo Muñoz e Jorge Candal dan o salto ao primeiro equipo do CD Lugo para a tempada 2026/27

O CD Lugo contará con Mateo Muñoz e Jorge Candal no seu primeiro equipo durante a tempada 2026/27, nun novo paso na traxectoria de dous futbolistas que medraron desde as categorías inferiores do club.
Ambos os xogadores, nacidos en Lugo e formados na canteira albivermella, afrontarán a súa primeira campaña con ficha do primeiro equipo. Mateo Muñoz, nacido en 2007, incorporouse á entidade na categoría infantil, mentres que Jorge Candal, de 2006, forma parte do club desde a etapa de benxamíns.
Nas últimas tempadas, Mateo alternou a súa participación co filial e co Xuvenil A de División de Honra coa dinámica habitual de adestramentos do primeiro equipo. Ademais, o canteirán chegou a debutar co conxunto albivermello na última xornada da pasada tempada.
Pola súa banda, Candal compaxinou durante os dous últimos cursos a súa presenza no filial co traballo e os adestramentos xunto ao primeiro equipo do CD Lugo.
Os dous futbolistas tiveron tamén minutos durante a presente pretempada e dan agora un novo paso no seu crecemento dentro da entidade. A súa incorporación ao primeiro equipo evidencia, ademais, a aposta do CD Lugo polo talento formado na casa e pola continuidade dos xogadores procedentes da súa canteira.