Médicos e facultativos convocan novas concentracións para reclamar un estatuto propio

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As mobilizacións desenvolveranse ás 11.00 horas diante das portas principais de varios centros hospitalarios de Galicia
concentración-médicos-HULA
13 Jun 2026

Médicos e facultativos de distintos hospitais galegos protagonizarán entre os días 16 e 19 de xuño unha serie de concentracións con motivo da folga nacional convocada para reclamar ao Ministerio de Sanidade a redacción dun estatuto marco propio para o colectivo profesional.

As mobilizacións desenvolveranse ás 11.00 horas diante das portas principais de varios centros hospitalarios de Galicia e están promovidas por organizacións representativas do sector médico, entre elas a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), o Sindicato Médico de Galicia (Omega) e a Asociación MIR España.

O calendario de concentracións comezará o martes 16 de xuño no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital Comarcal de Monforte. O mércores 17 será a quenda do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, do Hospital Universitario da Coruña e do Hospital do Salnés.

As protestas continuarán o xoves 18 de xuño diante do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, e do Hospital Universitario de Ourense. Finalmente, o venres 19 de xuño a concentración celebrarase no Hospital Universitario de Santiago de Compostela.

Os convocantes sinalan que o obxectivo destas mobilizacións é defender unhas condicións laborais adaptadas ás particularidades da profesión médica e reclamar un marco normativo específico que dea resposta ás necesidades do colectivo. As concentracións forman parte das accións previstas dentro da folga nacional impulsada para trasladar estas demandas ao Ministerio de Sanidade.

0.12413883209229