Medio Ambiente financiará o Plan Xeral de Rábade
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abonará o 100% do custe de redacción do novo plan xeral de ordenación municipal do Concello de Rábade. O Consello da Xunta na súa reunión autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Rábade, que na actualidade se rexe por un Plan xeral de ordenación urbana aprobado en decembro de 1977, é dicir, hai 43 anos.
A reviviscencia desta normativa urbanística vixente débese a que o Plan xeral de ordenación municipal aprobado o 1 de setembro de 2008 quedou anulado pola sentenza do 15 de xullo de 2015 do Tribunal Supremo, que declara de nulo dereito dita orde. A sentenza do Tribunal Supremo establece que a omisión dun informe que a Lei de augas considera preceptivo e vinculante é motivo para fixar que -no procedemento de elaboración do Plan Xeral de Rábade- se infrinxiu un trámite esencial que determina a súa nulidade.
Unhas das principais liñas de acción da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para fomentar que os concellos teñan documentos de planeamento municipal adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento urbanístico é o establecemento de colaboración técnico- financeira, como a aprobada esta mañá polo Consello da Xunta.
Esta colaboración tamén responde ao obxectivo do Goberno galego de acadar que en Galicia non haxa ningún concello sen PXOM, e para o que ten desenvolvido un traballo importante ao longo desta última década. Neste sentido, cómpre lembrar a aprobación da Lei do Solo en 2016 e do regulamento que a desenvolve; a posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e dos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes; ou a nova Lei de ordenación do territorio, que xa iniciou a súa tramitación parlamentaria.
Entre as competencias urbanísticas que ten atribuídas a Xunta, ademais, figura o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación en vigor e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento. Con este fin, convoca ordes para a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos, polo que nas contas do ano 2021 resérvanse máis de 3,2 millóns de euros para habilitar axudas para a redacción de plans xerais.