Medio Rural destaca actuacións de prevención de incendios en Labio e Becerreá

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a parroquia de Labio, no concello de Lugo, onde puxo en valor as actuacións realizadas no marco da prevención de incendios forestais. Entre os traballos executados figuran a mellora de máis de dous quilómetros de pistas forestais, a construción dun paso de auga e dun paso inundable. Estas obras forman parte do proxecto de infraestrutura preventiva do Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, financiado con fondos Feader e incluído no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Na súa intervención, Gómez destacou que este ano 2025 o Goberno galego destina 50,5 millóns de euros á prevención, o que supón un 35 % máis que hai unha década, con accións que se desenvolven en todo o territorio. Entre elas salientou a xestión da biomasa en zonas estratéxicas e a creación e mellora de infraestruturas como devasas, puntos de auga ou pistas forestais.
Posteriormente, a titular de Medio Rural trasladouse a Becerreá, onde o Distrito Forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares executou labores de roza en preto de 290 quilómetros de pistas forestais. Ademais, acometéronse actuacións con buldócer en máis de 30 quilómetros de cortalumes, co obxectivo de mellorar o mantemento destas infraestruturas e incrementar a súa eficacia.
A conselleira incidiu en que a prevención “é unha prioridade para o Goberno autonómico” e lembrou o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permite apoiar a propietarios e concellos na xestión da biomasa en faixas secundarias a través da empresa pública Seaga. Tamén fixo referencia a outras ferramentas que repercuten na prevención, como os polígonos agroforestais ou as permutas de terras, que buscan devolver á produción parcelas con potencial agronómico.