Meira, Castroverde e Quiroga participarán no programa de animación á lectura do Ministerio
O Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, pon en marcha unha nova edición do programa de actividades literarias en Institutos de Ensino Secundario de titularidade pública, que chegará a 13 centros galegos.
O proxecto, que se desenvolve en Galicia entre o 24 de outubro e o 15 de novembro, conta coa participación de Paula Carballeira Cabana (recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática), Manuel Loureiro Doval, Miriam Ferradáns Ferradás, Manuel Cranio, María Sánchez Rodríguez, Manuel Carlos Núñez Singala, Jesús Castro Yáñez, Alba Cid, Chiki Fabregat e Cristina García Morais.
Durante estes encontros literarios os autores falarán sobre a súa obra e os seus procesos creativos e manterán un diálogo aberto co alumnado.
Con máis de dúas décadas de traxectoria, este programa de animación lectora ofrece ao alumnado a oportunidade de coñecer de preto o traballo de narradores, poetas, dramaturgos, ilustradores ou tradutores, e supón unha oportunidade para que os autores participantes tomen o pulso dos intereses dos mozos lectores.
Os encontros terán lugar nas catro provincias, con parada en Castroverde, Quiroga e Meira, na de Lugo. Na primeira localidade estarán o día 3 de novembro con María Sanchez; en Quiroga será o día 30 deste mes con Manuel Carlos Núñez, e Meira abre as intervencións na provincia con Jesús Castro e a poesía o 24 de outubro.
Na elección das actividades propostas priorízanse aqueles institutos que participan por primeira vez no programa ou que non tiveron actividade o ano anterior. Así mesmo, valorouse a diversidade entre xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro, ensaio…), a variedade da traxectoria do autor ou autora ou a paridade.