'Mellor Local, Mellor Galego' é a nova campaña do BNG para apostar polo consumo local

LugoXa
Mellor Local, Mellor Galego é a nova campaña que presentou o BNG coa que anima a consumir produtos galegos e no comercio de proximidade
Campaña comercio local Lugo bng
Campaña comercio local Lugo bng
17 dic 2022

Mellor Local, Mellor Galego  é a nova campaña que presentou o BNG a carón do Mercado Municipal e a Praza de Abastos de Lugo coa que a organización nacionalista anima a consumir produtos galegos e no comercio de proximidade nestas datas festivas, mais tamén no resto do ano.

Participou nesta presentación a deputada por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil,  xunto co grupo municipal do BNG en Lugo, no que a nacionalista destacou a importancia do comercio tradicional “neste punto de Lugo podemos constatar unha parte do mellor da nosa terra, os seus produtos, onde son garantía de calidade e ademais o valor engadido da proximidade de onde se xeran”

Esta dinámica conforma un xeito de consumo responsable, que dinamiza a economía local e ademais é respectuosa co medio ambiente. Por isto, o BNG aposta por incentivar a compra de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción alternativa e ecolóxica ou a promoción de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

Por outra banda, a deputada destacou que o comercio tamén está a sufrir o impacto da crise xerada pola inflación, e por conseguinte, da suba dos prezos “o comercio é un sector clave, tanto desde o punto de vista económico como da creación de emprego, o que está a padecer a forte suba dos materiais, da electricidade, dos custos en xeral, e temos ao Goberno da Xunta como o do Estado paralizados e sen solucións a este contexto”

Neste sentido, Olalla Rodil animou a participar na mobilización que o BNG organiza o vindeiro 18 de decembro en Compostela para reclamar unha saída xusta a esta crise “é hora de facernos valer, existen alternativas para que as maiorías sociais non queden na estacada, por isto animo a todas e a todos a mobilizarse co BNG en Compostela este domingo”.