Melloran a drenaxe do barrio do Castiñeiro cun investimento de 94.470,22 euros

LugoXa
O Concello de Lugo executa novas canalizacións e un sistema de alivio para reducir reboses e acumulacións de auga na Praza do Castiñeiro e en Lamas de Prado
obras-drenaxe-O-Castiñeiro-Lugo
21 Feb 2026

O Concello de Lugo está a desenvolver unha actuación para reforzar o sistema de drenaxe no barrio do Castiñeiro, cun investimento de 94.470,22 euros destinado a optimizar a rede de saneamento e a xestionar de forma máis eficiente as augas pluviais na contorna da Praza do Castiñeiro e da rúa Lamas de Prado. A intervención céntrase nun punto baixo no que, durante episodios de choiva intensa, conflúen caudais procedentes de varias rúas, xerando sobrecargas na infraestrutura existente.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que se trata dunha obra relevante tanto desde o punto de vista técnico como polo compromiso adquirido coa veciñanza. Segundo explicou, é unha actuación moi concreta pero necesaria, que dá resposta a unha problemática coñecida e que debía afrontarse con rigor. Subliñou ademais que este tipo de intervencións, aínda que non sexan visibles ao discorrer baixo terra, resultan esenciais para o correcto funcionamento dos barrios e para anticiparse ás consecuencias das precipitacións intensas. O rexedor incidiu en que o goberno municipal está a cumprir os compromisos adquiridos con feitos.

O proxecto aborda de maneira integral o comportamento hidráulico da zona e contempla a execución de novos colectores de maior diámetro, así como a creación dun bypass de alivio que permitirá redistribuír os fluxos de auga e reducir a presión sobre a rede actual. Tamén se inclúe a substitución e reorganización de varios pozos de saneamento, a mellora das conexións entre colectores e a instalación de novos sumidoiros para captar con maior eficacia a auga superficial.

Ademais, habilitaranse conexións alternativas cara a outras rúas próximas co obxectivo de repartir os caudais e evitar que todo o fluxo se concentre nun único punto, como sucedía ata o de agora. Estas actuacións permitirán diminuír de forma significativa o risco de reboses, reducir a presenza de auga na calzada e nas beirarrúas durante choivas intensas e minimizar as afeccións en baixos e garaxes, reforzando así a seguridade peonil e a protección dos inmobles.

As obras execútanse integramente en viario público, sen necesidade de expropiacións, e teñen un prazo estimado de dous meses. Con esta intervención xa en marcha, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas urbanas mediante actuacións planificadas e técnicas orientadas a garantir o bo funcionamento da cidade.

0.096992969512939