Melloran as zonas periurbanas cun novo asfaltado no barrio de Albeiros

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, visitou o barrio de Albeiros xunto con veciñas e veciños da contorna, onde viron os traballos executados pola Tenencia de Alcaldía, onde se renovou o asfalto dunha vía municipal. Rubén Arroxo afirmou que a Tenencia de Alcaldía actuou atendendo á iniciativa veciñal "para continuar a manter en bo estado todas as vías públicas do Concello", dixo.
Os traballos consistiron na creación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez pavimentadas as vías, adaptaranse os rexistros e renovarase a totalidade da sinalización horizontal.
Arroxo lembrou que desde a Tenencia de Alcaldía "seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando os traballos en base ás visitas aos barrios e ás reclamacións da veciñanza", e afirmou que "executamos a solución técnica máis axeitada a cada un dos espazos nos que intervimos, garantindo un resultado de calidade e duradeiro". Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía continúa a mellorar os barrios da cidade, aumentando a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna.