Melloran o Tribunal de Instancia de Becerreá cun investimento de 35.000 euros

A Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, investiu 35.000 euros en renovar as fiestras do edificio do Tribunal de Instancia de Becerreá para obter unhas instalacións máis eficientes desde o punto de vista enerxético.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se substituíron as carpintarías e persianas das 33 ventás para mellorar o illamento térmico, respectando a cor e a estrutura das precedentes para alterar o menos posible o aspecto das fachadas deste edificio histórico, que está inventariado polo seu valor nas normas subsidiarias municipais de planeamento do concello de Becerreá.
Arias subliñou o esforzo que está a realizar o Goberno galego para “modernizar as dotacións nas que se prestan os servizos públicos atendendo a criterios de eficiencia e sostibilidade”. Neste sentido, indicou que coa actuación no inmoble que acolle o Tribunal de Instancia de Becerreá “incrementamos o confort para os traballadores e usuarios”.