Melloran tres estradas rurais en Calde, Tirimol e Vilachá de Mera

O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Territorial, deu por finalizadas as obras de mellora en tres vías rurais situadas nas parroquias de Calde, Tirimol e Vilachá de Mera. As actuacións contaron cun investimento total de 83.894,14 euros e foron executadas ao abeiro do Plan Deputación 2025, co obxectivo de reforzar a calidade e a seguridade da rede viaria municipal no ámbito rural.
Os traballos realizados abrangueron a renovación completa do pavimento, a corrección de problemas de drenaxe, a limpeza e acondicionamento de cunetas, así como outras intervencións complementarias destinadas a garantir un mellor estado das estradas e unhas condicións de circulación máis seguras.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou este martes as actuacións xa rematadas acompañado por veciños e veciñas das parroquias afectadas, para comprobar sobre o terreo o resultado final das obras. Durante a visita, destacou que se trata de accesos empregados a diario pola poboación e que agora ofrecen unhas condicións máis cómodas e seguras, subliñando que este tipo de investimentos teñen como finalidade directa mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O proxecto incluíu a pavimentación do camiño da Brea, na parroquia de Tirimol, cunha actuación sobre un tramo de 315 metros mediante a execución dunha base de grava e a aplicación dun triple rego asfáltico, ademais da limpeza e perfilado das cunetas. En Vilachá de Mera, realizáronse melloras nun total de 745 metros no acceso a Liñár e no seu ramal, onde se aplicou mestura bituminosa en quente tipo AC16 tras a regularización da plataforma. Pola súa banda, en Calde, na contorna do centro social, os traballos afectaron a un tramo de 310 metros, nos que se executou un novo firme, se mellorou a drenaxe e se levou a cabo unha limpeza integral da vía.