Méndez reúnese coa veciñanza do polígono 1 da Louzaneta para avanzar na urbanización

LugoXa
Lara Méndez mantén unha nova reunión coa veciñanza do polígono 1 da Louzaneta para avanzar na urbanización deste sector
reunion vecinos louzaneta urbanizacion
reunion vecinos louzaneta urbanizacion
14 may 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos edís de Medio Rural e Gobernanza, Miguel Fernández e Paula Alvarellos, mantivo un novo encontro este sábado coa veciñanza da Louzaneta para avanzar na urbanización deste sector da cidade e continuar, así, dando pasos na súa ordenación, tras moitos anos enquistada; ordenación que se viu, ademais, afectada por cambios normativos.

Na reunión, na que tamén participou o xefe de Enxeñería do Concello, Pablo Fuentes, a rexedora deu conta do último informe elaborado por esta área municipal en relación á situación actual do polígono 1. A redacción deste documento responde ao compromiso acadado pola rexedora cos veciños e veciñas, na última xuntanza celebrada a finais do ano pasado, de realizar un estudo sobre a situación de cada polígono e buscar solucións as posibles eivas detectadas, co fin de que os terreos poidan ser recibidos pola administración local, previa comprobación de que compren co establecido.

Neste senso, Méndez explicou que existen tres cuestións fundamentais a subsanar para que o Concello poida recibir as obras: a primeira é o soterramento da liña de media tensión existente no sector e que afecta aos polígonos 1, 2, e 3. En relación a isto, Méndez lembrou que xa existe o compromiso por parte do Concello de executar estes traballos. Así, apuntou que “é obriga das Xuntas de Compensación acometer estas obras pero, ante a falta de avances significativos, o Concello executaraas directamente e logo distribuirá os custos entre os tres polígonos que conforman o sector”.

Ademais, a alcaldesa indicou que “recentemente solicitamos a actualización técnica e económica dos custes de retranqueo (soterramento) da liña que actualmente discorre en tendido aéreo, tanto a Unión Fenosa, titular da mesma, como a Begasa, que ten aproveitamento compartido, asumindo, deste xeito, a coordinación e execución das actuacións, repercutindo os custes posteriormente a cada polígono na devandita proporción”.

A segunda cuestión ten que ver coa detección dun problema de ocupación dun espazo libre por parte dun bloque de vivendas –o colindante coa zona verde de maior superficie do polígono 1–. Con relación a esta eiva, apréciase un desaxuste urbanístico nunha liña que delimita coa zona verde, e que supón unha eventual merma de superficie da mesma, unha situación que deberá comprobar a Xunta de Compensación co seu técnico para buscar a solución máis adecuada e con menores prexuízos para os afectados.

Neste senso, o técnico designado deberá estudar e valorar cos servizos de Urbanismo e Enxeñería do Concello as alternativas para solucionar esta eiva, entre as que se atopa formular un reaxuste da aliñación sen que exista prexuízo razoable.

Finalmente, o informe apunta a necesidade de revisar cuestións relativas á posta ao día das diferentes instalacións e servizos urbanos como desperfectos en baldosas, repaso de formigón en arquetas en calzada, ou a renovación da sinalización horizontal, entre outros aspectos.

“Estas tres cuestións resultan imperativas para que os compromisos de urbanización estean resoltos e, polo tanto, se poidan outorgar licenzas de primeira ocupación ás vivendas que o soliciten”, apuntou Méndez, quen tendeu a man aos veciños e veciñas para seguir avanzando neste senso amosando a plena vontade de colaboración do Concello.