Mercar no comercio local de Lugo terá premio dende mañá

LugoXa
O Concello de Lugo arranca unha campaña, no programa Localmente Lucense, que premiará as compras no comercio local
Presentación Localmente Lucense
Presentación Localmente Lucense
14 Xul 2022

O Concello de Lugo premiará ás persoas que realicen compras no comercio de Lugo do 15 de xullo ao 31 de agosto. Farao a través da nova campaña de rebaixas Localmente Lucense, que pon en marcha o executivo municipal para fomentar as compras nos comercios e establecementos de proximidade da cidade.

Así o avanzou hoxe a rexedora, quen subliñou que “aquelas persoas que preseten un tícket de compra superior a 10 euros participarán no sorteo de máis de 5.000 premios, entre os que se atopan bonos para voos cautivos en globo aerostático ou vales para gastar nos comercios de Lugo, entre outros agasallos”.

Lara Méndez explicou que “esta campaña enmárcase no Plan de dinamización de barrios que puxemos en marcha dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego e que inclúe outras actividades como os tardeos e noiteos cos que buscamos encher de vida as prazas da cidade durante o verán”.

Para participar no sorteo de premios, os interesados deberán presentar un ticket de compra, dun importe mínimo de 10 euros, entre o 15 de xullo e o 31 de agosto, de calquera dos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense. Este tícket deberá ser validado no punto fixo de atención e información que o Concello habilitou na rúa Tinería nº 36.

En total haberá 5.475 premios.  140 pasaxes dobres (para 2 persoas) de “voo cautivo” nun globo aerostático, 145 vales para consumir no comercio local adherido ao movemento Localmente Lucense, e outros premios como chapas e adhesivos do movemento.

0.19453001022339