Metátese Teatro aterra en Burela este sábado
O vindeiro sábado, 16 de novembro, ás 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela, o grupo de Teatro de Palas de Rei , Metátese Teatro representará a obra Na procura dun traballo, dentro do programa Buxiganda, proxecto teatral afeccionado, 2019. A entrada será libre e para todos os públicos.
Metátese xurdiu no 1992 coa pretensión de achegar o teatro a todos os públicos, para interactuar co espectador e captar o espírito da sociedade actual desde unha perspectiva crítica. E todo esto levado á práctica baixo unha filosofía liberadora e construtiva que emprega o teatro como vehículo para desfrutar do tempo de ocio.
Metátese ten actuado en toda Galicia, así como en Madrid, Euskadi, Canarias, Andalucía, Porto , Tolouse, Bos Aires,… e durante estes anos, foron moitas as obras representadas: A farsa das zocas, O documento, Un ollo de vidro, Lóstregos, Filllos da néboa, Silencio, O Euromillón,…
Ademais, coorganizan a Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei, pola que teñen pasado compañías teatrais de todo o mundo .
Na procura dun traballo, será a obra que representen este sábado en Burela. Este é un espectáculo que reflesiona en clave de humor sobre diversos temas da actualidade: o mundo laboral, a emigración, os medios de comunicación … O espectáculo arrinca cun programa de televisión no que se anuncia un novidoso aparello que permite viaxar no tempo.García, Pérez e López, homes sen traballo, abandoados e sumidos nunha crise existencial, deciden mercalo e probar sorte noutras épocas. É así como viaxan ata a Prehistoria, o Antigo Exipto, Roma , o lonxano Oeste, … na procura dunha felicidade que non atopan na época que lles tocou vivir. Nesas viaxes vivirán divertidas aventuras que manterán curiosa a ollada do espectador.