Michos de Lugo pide colaboración cidadá para localizar a Maggie, unha gata comunitaria

Michos de Lugo solicitou colaboración cidadá para tratar de localizar a Maggie, unha gata comunitaria desaparecida desde hai varios días na contorna das rúas Nova, Amor Meilán e Carril das Estántigas, en Lugo.
Segundo explica a asociación protectora, trátase dunha gata nova cunha capa de pelo atigrado en tons gris, negro e pardo, que pertence a unha colonia felina controlada e atendida pola súa xestora autorizada. Maggie está identificada a nome do Concello de Lugo ao estar incluída no método CER —Captura, Esterilización e Retorno— e presenta o corte na orella que distingue ás gatas comunitarias esterilizadas.
Desde Michos de Lugo indican que o habitual era que a gata acudise diariamente ao punto de alimentación e coidado, polo que a súa ausencia prolongada xerou preocupación entre as persoas responsables da colonia.
A asociación sinala que unha das hipóteses é que alguén a recollese coa intención de protexela, aínda que lembran que a actual Lei de Benestar Animal establece que os gatos comunitarios non poden ser retirados directamente da rúa sen seguir os procedementos legais correspondentes, que inclúen a intervención das entidades autorizadas encargadas das adopcións.
Neste sentido, apuntan que, no caso de que Maggie fose levada a unha clínica veterinaria, confían na actuación profesional do persoal veterinario para aplicar as medidas legais oportunas ao tratarse dunha gata comunitaria protexida.
Outra das posibilidades que manexa a asociación é que o animal sufrise un ataque por parte dun can solto. Por este motivo, piden a colaboración de calquera persoa que poida achegar información que facilite a investigación dos feitos, xa que, de confirmarse, podería tratarse dun caso de maltrato animal e omisión de atención veterinaria.
Desde Michos de Lugo aseguran ademais que este non é o primeiro caso denunciado relacionado con posibles roubos ou agresións a gatos da rúa, situacións nas que, segundo afirman, xa se aportaron indicios suficientes para solicitar investigacións co obxectivo de reforzar a protección das colonias felinas.
A asociación conclúe facendo un chamamento á cidadanía para axudar a atopar a Maggie e coñecer o seu paradoiro.