Miguel Fernández aborda co empresariado do Ceao e As Gándaras os retos das áreas industriais de Lugo

LugoXa
O candidato socialista presentou as principais liñas de Lugo 10 e recolleu demandas sobre seguridade, iluminación, mobilidade, transporte público e novas infraestruturas
reunión-PSOE-Lugo-tecido-empresarial
7 Oct 2026

Miguel Fernández mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras para abordar as principais necesidades e retos das dúas grandes áreas empresariais de Lugo. A reunión dá continuidade á relación de diálogo e traballo que o candidato socialista xa mantivera co colectivo durante a súa etapa como alcalde.

O encontro forma parte da rolda de contactos que Fernández está a manter con diferentes sectores sociais, económicos e asociativos da cidade para presentar as principais liñas de Lugo 10, coñecer as súas prioridades e incorporar as súas propostas á estratexia de cidade para a próxima década.

"Queremos desenvolver Lugo 10 escoitando a quen coñece de primeira man cada realidade e incorporando as súas necesidades e propostas", sinalou Fernández.

Entre as demandas trasladadas pola Asociación estiveron a ampliación das cámaras de vixilancia do tráfico en diferentes puntos dos polígonos, a mellora da iluminación e do estado dos viarios, así como actuacións relacionadas coa mobilidade e os accesos ás áreas empresariais.

O transporte público foi outro dos asuntos abordados. Os representantes empresariais reclamaron melloras nas frecuencias e nos horarios para adaptalos ás quendas e necesidades das persoas traballadoras, ademais de ferramentas dixitais que faciliten a consulta da información sobre o servizo de autobús urbano.

A Asociación tamén presentou propostas para dotar As Gándaras de novos equipamentos e servizos que permitan atender tanto as necesidades das empresas como as do persoal que traballa diariamente nos polígonos.

Fernández defendeu que o Ceao e As Gándaras deben ter un papel central na estratexia económica de Lugo para os próximos dez anos. Segundo explicou, trátase de dous dos principais motores económicos e de emprego da cidade, polo que considerou necesario mellorar as súas condicións para favorecer a competitividade, atraer novos proxectos empresariais e consolidar Lugo como referente industrial e loxístico no eixo da A-6 e no noroeste peninsular.

Reclamación de infraestruturas á Xunta

Durante a reunión tamén se abordaron infraestruturas que non son competencia directa do Concello, pero que condicionan o desenvolvemento das áreas empresariais. Entre elas figura a conexión coa A-6 a través da Campiña, unha actuación que o tecido empresarial reclama á Xunta de Galicia.

Fernández comprometeuse a continuar reclamando esta conexión ao Goberno autonómico e a manter desde o Concello a interlocución necesaria para avanzar nas infraestruturas que considere necesarias para Lugo.

"Que unha actuación non sexa competencia municipal non significa que o Concello poida desentenderse. Se é importante para Lugo, temos que defendela e reclamala diante de quen teña a responsabilidade de executala", afirmou.

O candidato socialista sinalou que este encontro forma parte do proceso de elaboración de Lugo 10, cunha visión global da cidade que pretende incorporar as achegas dos diferentes sectores. "Queremos que Lugo 10 recolla tamén a visión de quen crea emprego, de quen traballa nos nosos polígonos, dos barrios, das parroquias e do tecido social da cidade", concluíu Fernández.

0.18964505195618