Miguel Fernández destacou que é preciso promover as relacións coa comunidade inmigrante en Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu ao cónsul do Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, a quen trasladou a importancia de estreitar vínculos coa comunidade do seu país.
O rexedor lugués destacou que é preciso promover as relacións coa comunidade inmigrante en Lugo da que forman parte as persoas procedentes de Uruguai, ás que se suman os estranxeiros doutros países latinos con grande presencia en Lugo como Arxentina, Colombia, República Dominicana ou Venezuela.
Xunto ao cónsul e o alcalde, estiveron o edil de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra; a presidenta da Asociación de Rioplatenses en Lugo, Ana María Bereciartúa; a artista Luz Darriba e o oficial de Cancillería do Consulado, Fernando Pérez.
Durante o encontro, tratáronse temas de interese común para ambas entidades, na aposta por “fortalecer lazos e seguir avanzando xuntos”, ao tempo que o alcalde mostrou a súa disposición e colaboración co colectivo de uruguaios en Lugo.
“Como Concello de Lugo temos a obriga de atender a este colectivo, cada vez máis implicado na nosa cidade, e que orixina ademais un importante retorno para Lugo, desde o punto de vista social e económico e tamén favorecendo un enriquecedor intercambio cultural”.
Ademais, o alcalde lembrou que a Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses, integrada por familias chegadas de Arxentina e Uruguai, celebrará o 18 aniversario da súa constitución en Lugo, que tivo lugar en abril de 2007. O Concello colabora con este colectivo ofrecéndolle unha sede na casa das Asociacións de Interese Social Poeta María Mariño.
Por último, o alcalde sinalou que a comunidade de inmigrantes en Lugo poderá beneficiarse tamén do avance que está a experimentar a nosa cidade.
“Desde o Concello de Lugo apostamos pola mellora de infraestruturas; polo desenvolvemento das áreas industriais e comerciais; pola rexeneración do casco histórico, cuxa peonalización estamos a completar agora; e pola atracción de empresas a través do Lugo Transforma”. Todo isto supón un avance no noso modelo de cidade, para atraer poboación que queira desenvolver en Lugo o seu proxecto de vida, algo que tamén afecta ás persoas que veñen de fóra”.