Miguel Fernández inicia na Milagrosa unha rolda de encontros para definir o futuro de Lugo

LugoXa
O portavoz socialista presentará este xoves a estratexia "Lugo para os próximos 10 anos" e percorrerá barrios e parroquias para recoller propostas da cidadanía
Miguel-Fernández-Lugo
29 Sep 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, presentará este xoves, 1 de outubro, a partir das 19:30 horas, na praza da Milagrosa, a súa estratexia de cidade "Lugo para os próximos 10 anos". O acto servirá tamén como punto de partida para unha rolda de encontros que o socialista desenvolverá nos próximos meses polos diferentes barrios e parroquias do municipio.

A iniciativa busca coñecer directamente as necesidades da veciñanza e incorporar ao proxecto as propostas do tecido asociativo, social, económico, cultural e deportivo. Fernández pretende percorrer o municipio para explicar as principais liñas da súa proposta e manter encontros cos distintos colectivos.

"Queremos percorrer cada recuncho do municipio, estar cos veciños e veciñas, escoitar as súas demandas e explicarlles tamén cal é a nosa visión para o futuro de Lugo. Un proxecto de cidade non se pode facer desde un despacho: ten que construírse coa xente que vive, traballa e desenvolve aquí a súa vida", sinalou.

A estratexia Lugo10 pretende ofrecer unha visión global do municipio e conectar cuestións como a vivenda, os servizos públicos, os coidados, a mobilidade, os barrios, o rural, o medio ambiente, o patrimonio, a actividade económica, a cultura e o deporte baixo unha mesma planificación.

"Non queremos presentar unha suma de obras ou unha colección de anuncios. Queremos explicar unha maneira de entender Lugo e, sobre todo, unha maneira de gobernar: con planificación, con datos, con diálogo e poñendo sempre por diante o tempo e a vida das persoas", explicou Fernández.

O documento tamén contempla unha atención específica ao rural e parte da consideración das 54 parroquias como unha parte esencial do municipio. Neste sentido, o portavoz socialista avanzou que manterá reunións con asociacións veciñais, entidades sociais, colectivos culturais e deportivos, representantes do ámbito económico e empresarial e outros sectores da sociedade civil.

Fernández define o encontro da Milagrosa como "o primeiro paso dun proceso moito máis amplo" no que pretende combinar a presentación das súas propostas coa incorporación de novas achegas. "Lugo ten diante unha oportunidade para pensar en grande e decidir que cidade queremos ser nos próximos dez anos. Temos patrimonio, temos barrios, temos rural, temos talento e temos capacidade. Agora necesitamos unha visión compartida e proxectos concretos que permitan avanzar", afirmou.

O portavoz socialista convidou á cidadanía a participar no primeiro encontro e defendeu que a estratexia sexa unha proposta aberta á incorporación de ideas e demandas dos diferentes sectores da cidade.

0.14908409118652