Miguel Fernández leva Lugo 10 a Montirón para abordar vivenda, maiores e servizos de proximidade

A estratexia Lugo 10 continúa o seu percorrido polos barrios da cidade. Nesta ocasión, o voceiro socialista, Miguel Fernández, mantivo un encontro coa Asociación Praza das Illas de Montirón para presentar as principais propostas do seu proxecto para a próxima década e coñecer as necesidades que a veciñanza considera prioritarias na súa contorna.
Fernández explicou que a planificación de futuro debe combinar os grandes retos da cidade coas necesidades que xa existen nos barrios. "Temos que pensar no Lugo dos próximos dez anos, pero tamén nas necesidades que xa existen", sinalou. Entre os obxectivos situou a creación de oportunidades para a mocidade, a mellora do acceso á vivenda e o reforzo dos servizos destinados ás persoas maiores.
Precisamente, a situación das persoas maiores foi un dos asuntos que máis interese suscitou durante a reunión. Os representantes da asociación trasladaron a súa preocupación pola dispoñibilidade de prazas públicas en residencias, unha cuestión que Fernández asegurou compartir e que o Grupo Municipal Socialista xa levou ao pleno para reclamar unha maior implicación do Goberno autonómico.
O voceiro socialista defendeu así a necesidade de incrementar a oferta residencial pública na cidade, ao considerar que esta cuestión debe abordarse para responder ás necesidades actuais e futuras da poboación. Ao mesmo tempo, apostou por reforzar os servizos de axuda e atención no fogar para que as persoas maiores que queiran permanecer nas súas vivendas poidan facelo con coidados e apoios adecuados.
Esta atención debería complementarse, segundo Fernández, con iniciativas destinadas a favorecer o envellecemento activo e a autonomía persoal.
A vivenda foi outro dos eixes da presentación de Lugo 10. Fernández destacou a importancia de facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente para a poboación máis nova, e de desenvolver unha planificación residencial adaptada á evolución e ás necesidades dos diferentes barrios.
Durante a reunión tamén se abordaron cuestións máis vinculadas ao día a día de Montirón, entre elas a mobilidade, a seguridade viaria, o mantemento urbano e o estado dos espazos públicos.
Outro dos asuntos tratados foi a necesidade de dispoñer de recursos e equipamentos que faciliten a actividade das asociacións e a convivencia veciñal. Neste ámbito, Fernández propuxo estudar posibles ampliacións da rede de espazos sociais da cidade ou mellorar os xa existentes, tendo en conta as características específicas de cada contorna.
O voceiro socialista puxo en valor o papel das asociacións veciñais como coñecedoras directas das necesidades dos barrios e como elementos que contribúen á súa vida social. O encontro rematou cun intercambio de propostas sobre actuacións relacionadas coa accesibilidade, a seguridade nos desprazamentos e o coidado dos espazos comúns.
Fernández agradeceu a participación da Asociación Praza das Illas e destacou a utilidade destes encontros para contrastar as propostas de Lugo 10 coa realidade dos barrios e incorporar novas achegas á planificación da cidade para os próximos anos.