Miguel González, alcalde de Baralla: "Apostamos, arriscamos e traballamos moitísimo polo programa”

Jessica Fernández
Miguel González Piñeiro entrou na Alcaldía de Baralla en xullo de 2019 despois do falecemento do seu pai, Manuel González Capón tras levar este 32 anos á fronte do goberno municipal, un tempo que lle serviu para levar a cabo moitos proxectos. Con esa mesma ilusión, o actual alcalde do Partido Popular continúa o seu legado, apostando por modernizar e mellorar un municipio que conta con 2.396 habitantes, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) no ano 2025.
Con ese ímpeto, no ano 2021, menos de dous anos despois de converterse en alcalde, decide emerxerse nun proxecto ambicioso como é o Programa DUS 5000, de axudas para investimentos en proxectos singulares locais de enerxía limpa en concellos de reto demográfico, que se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Así, nese ano 2021 comezan a redactar o proxecto “e no ano 2023 concedéronnolo”, subliña o rexedor. Nese ano, ademais, fíxose con 10 escanos dos 11 en xogo nas eleccións locais, un feito que mostra o recoñecemento da veciñanza ao seu traballo. Así, con dous millón de euros de subvención, executaron os proxectos adheridos ao Programa DUS 5000 a finais de 2025, un fito na historia do concello, xa que Baralla é o único municipio da provincia de Lugo que conseguiu formar parte do proxecto. Así, González sostén que “foi unha oportunidade única, xa que nunca conceden subvencións ao 100 %. Apostamos, arriscamos e traballamos moitísimo para conseguila, polo que estamos moi orgullosos”, resalta. Ademais, destaca que é máis difícil, se cabe, para un concello pequeno con poucos recursos, xa que se tivo que manexar a subvención de dous millóns e medio de euros e tamén os orzamentos, que son da mesma contía. E destaca que: “Eu teño claro o obxectivo para Baralla, o que quero facer para o meu municipio e o futuro que lle vexo, e isto permitiunos dar un paso xigante neste futuro que quero para Baralla”, sostivo.

Así, esa inxección de financiamento serviu para desenvolver grandes proxectos de modernización para o municipio, comezando por urbanizar unha zona espectacular ao tempo que a conectaron “con espazos cun patrimonio espectacular e que queremos poñer en valor”, explica o alcalde, que engade que “o primeiro paso para poñer en valor o patrimonio é, antes de nada, garantir que a xente poida chegar a el. Entón, o primeiro paso permitiunos facilitar que a xente poida chegar a ese patrimonio desde o centro urbano, desde o núcleo da vila, cara a todo ese conxunto patrimonial e a todo o potencial que temos. O esencial era facer doado o acceso. A seguinte fase será potenciar e poñer en valor ese patrimonio”, detalla.
Por outro lado, levouse a cabo a mellora da eficiencia enerxética do centro sociocultural de Baralla, que provocou beneficios económicos, sociais, demográficos e ambientais que reforzan o valor estratéxico deste investimento público nun concello rural como este.
Desde o punto de vista económico, o proxecto tivo un impacto directo sobre o tecido produtivo local, especialmente sobre pequenas empresas e persoas autónomas, xa que unha gran parte do orzamento destinouse á adquisición de materiais, subministracións e consumibles en empresas da contorna, o que contribuíu a incrementar a facturación de establecementos locais do municipio e da comarca. Ademais, a presenza de persoal desprazado xerou consumo en aloxamentos, hostalaría e pequeno comercio, apoiando o sector servizos. Tamén se recorreu a firmas locais para tarefas complementarias como a xestión de residuos, o alugueiro de estadas e maquinaria, o transporte ou a limpeza. Todo isto contribuíu a dinamizar a actividade comercial de Baralla.
Por outro lado, desde a Alcaldía de Baralla defenden que a inversión en infraestruturas modernas e eficientes ao rehabilitar o edificio xerar “capital fixo de longo percorrido”, ao dotar o municipio dun equipamento con menor demanda enerxética, maior resistencia climática e mellores prestacións, o que se traduce nunha mellora dos servizos públicos e da calidade de vida da veciñanza. Tamén a mellora das condicións de accesibilidade, mobilidade e uso dos equipamentos públicos facilita tanto o retorno de persoas que marcharon como a chegada de novos residentes, “fortalecendo o arraigamento social”, subliñan.
Tamén poñen o foco no aforro enerxético estimado para o concello, xa que a intervención permite reducir os custos enerxéticos do centro sociocultural en máis de 10.000 euros anuais, “unha cifra especialmente significativa para un municipio pequeno”. Concretamente, a redución estimada do consumo enerxético sitúase arredor dos 85.000 kWh anuais, o que, tomando como referencia un prezo medio da enerxía de 0,12 euros por kWh, supón un aforro duns 10.200 euros ao ano. Ao longo da vida útil da mellora, estimada en 20 anos sen necesidade de grandes intervencións adicionais, o retorno económico acumulado superará os 200.000 euros, mesmo sen ter en conta posibles incrementos futuros do custo da enerxía. E isto propicia, á súa vez, que se poidan destinar os fondos que antes se dedicaban a ese gasto a reforzar os servizos sociais, impulsar actividades culturais, mellorar o mantemento urbano ou acometer novos investimentos en infraestruturas prioritarias.
Finalmente, a rehabilitación tamén supón unha redución notable das emisións de gases de efecto invernadoiro e unha diminución directa do consumo de combustibles fósiles. Estímase que a redución anual de emisións acada aproximadamente as 16,6 toneladas de CO₂. Aplicando un custo social do carbono de 60 euros por tonelada, referencia habitual nas políticas públicas europeas, o beneficio ambiental anual sitúase arredor dos 996 euros, superando os 19.900 euros acumulados ao longo de 20 anos.
Por todo isto, o alcalde de Baralla, Miguel González séntese “orgulloso e contento” de conseguir a subvención e poder levar a cabo as actuacións que se fixeron, que redundan “nunhas mellores conexións, instalacións e nun mellor concello en xeral para a nosa veciñanza”, concluíu.