A CIG reúne milleiros de persoas en Lugo no seu acto central do 1 de maio

GaliciaXa | LugoXa
O sindicato levou o seu acto central a Lugo en resposta á deriva “autoritaria e golpista” do PP tras a moción de censura no Concello
mobilizacion-cig-1-de-mio-lugo
2 May 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizou este 1 de maio a milleiros de persoas en arredor de vinte localidades galegas nunha xornada reivindicativa marcada pola defensa da paz, a soberanía dos pobos e os dereitos laborais. O sindicato situou o seu acto central en Lugo, unha decisión adoptada en resposta á deriva “autoritaria e golpista” do PP tras a moción de censura no Concello, que cualifican de “indigna” e “antidemocrática”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu durante a marcha de que esta situación está relacionada co avance do fascismo e “dun PP que actúa como VOX, compartindo programas pero competindo polo voto”. Ademais, enmarcou a moción nun conxunto de medidas que, ao seu xuízo, implican un maior control social por parte do Goberno galego, “baseado en non cumprir cos mínimos democráticos, non respectar as liberdades públicas e o dereito á folga”. Neste sentido, Carril puxo como exemplo o decreto de diálogo social, que definiu como “fosa común na que enterran os dereitos laborais”, e criticou cambios no ámbito xudicial, o veto a determinados cargos institucionais e o control sobre os medios públicos, así como o castigo a xornais que empregan o galego.

O secretario xeral tamén alertou do proceso de desmantelamento e privatización de servizos públicos como o ensino e a sanidade, ao que engadiu o anunciado plan para o control das baixas médicas que, segundo indicou, pretende “culpabilizar á clase traballadora por caer enferma e negando o dereito á saúde para favorecer máis abusos das mutuas e privatizacións da sanidade pública”. Ademais, acusou ao PP de recortar dereitos e de promover “a colonización e dependencia de Galiza e do pobo galego a deseños feitos dende Bruxelas e Madrid”.

Neste contexto, explicou que a elección de Lugo como sede central responde á necesidade de dar resposta aos feitos acontecidos no Concello nas últimas semanas tras a presentación da moción de censura por parte dos populares contra o Goberno local. “Non imos quedar mirando nin imos fuxir mentres se conculcan dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista”. Por iso, fixo un chamamento á mobilización social e á unidade do pobo galego.

En relación coa situación internacional, Carril denunciou o exterminio do pobo palestino por Israel, “decididamente apoiado polos EUA e a UE”, así como outros conflitos e presións internacionais como as ameazas sobre Groenlandia, as agresións a Venezuela, o ataque sobre Irán e Líbano ou o reforzo do bloqueo a Cuba. Todo iso, afirmou, “mentres a Unión Europea e o Estado español asumen con obediencia as ordes de incrementar o gasto militar para alimentar a máquina da agresión, e asinan acordos que arrasan o noso agro e a nosa pesca, como o de Mercosur”.

Tamén criticou a postura da Unión Europea e do Estado español por aumentar o gasto en defensa e animou a participar na mobilización convocada pola Plataforma Galiza pola Paz, asegurando que non “queremos nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares, queremos paz e soberanía”.

Finalmente, advertiu do impacto da subida de prezos pola guerra de Irán e do aumento da precariedade laboral “por causa das reformas laborais do actual Goberno español e do anterior do PP”. Fronte a isto, reclamou o fin do gasto militar e que eses recursos se destinen á protección social, ademais dunha maior intervención e control público en sectores estratéxicos como a enerxía, a alimentación, a vivenda ou a mobilidade, co obxectivo de impulsar un plan de choque que permita manter o poder adquisitivo dos salarios, elevar o Salario Mínimo Interprofesional até os 1.374 euros mensuais e aprobar unha renda de inserción laboral e social.

0.11808300018311