Milos Mitoulis renova co Arenal Emevé e afrontará a súa segunda tempada en Lugo

LugoXa
O receptor mallorquino, de 20 anos e 1,95 metros, continuará no equipo lucense tras destacar no seu primeiro curso e avanzar na súa adaptación á posición de receptor
Milos-Mitoulis-Lugo-EMEVE
27 Aug 2026

O Arenal Emevé contará con Milos Mitoulis Roselló para a tempada 2026/27. O receptor mallorquino, de 20 anos e 1,95 metros de altura, renovou o seu compromiso co conxunto lucense despois dunha primeira campaña en Lugo na que se converteu nun dos xogadores destacados do equipo e continuou progresando na súa formación.

A súa continuidade permite ao equipo dirixido por José Valle manter na plantilla un xogador que destaca polas súas condicións físicas, a capacidade de salto e a potencia na rede. Ao mesmo tempo, o xogador aínda conta con marxe de progresión nunha posición, a de receptor, na que o corpo técnico centrou boa parte do seu traballo durante a pasada tempada.

"Milos ten unhas condicións físicas excepcionais e unha capacidade de salto incrible. O ano pasado traballamos moito con el como receptor e cremos que aínda ten moitísimo marxe para seguir crecendo e converterse nun xogador cada vez máis completo", explica José Valle.

Mitoulis incorporouse ao Arenal Emevé no verán de 2025 procedente do Feníe Energía Mallorca Vóley Palma, equipo co que competira en Superliga a campaña anterior. Natural de Llubí, iniciou a súa formación no Club Voleibol Muro e no Club Voleibol Pòrtol, antes de dar o salto á Concentración Permanente da Federación Española de Voleibol en Palencia.

Durante a súa etapa de formación tamén acumulou experiencia internacional coas seleccións españolas de categorías inferiores, participando en competicións celebradas en Italia, Alemaña e Austria, ademais de disputar diferentes encontros internacionais en Portugal e Tunisia.

A polivalencia foi unha das características da súa traxectoria desde as categorías inferiores. O xogador chegou a actuar como central, receptor e oposto e, durante a súa etapa na Concentración Permanente, desenvolveuse especialmente nesta última posición. Precisamente como oposto foi presentado polo Arenal Emevé, aínda que o traballo realizado durante o seu primeiro ano en Lugo estivo principalmente orientado cara á recepción.

"Cando chegou sabiamos que era un xogador capaz de desempeñar diferentes roles. Na Permanente utilizárano moito como oposto, pero nós traballamos fundamentalmente con el como receptor. Ten boas condicións para facelo e agora necesita seguir acumulando traballo e experiencia nunha posición moi esixente", sinala o técnico.

A súa adaptación como receptor non lle impediu manter a capacidade para actuar como oposto cando as necesidades do equipo o requiran. Esta versatilidade ofrece ao corpo técnico máis alternativas durante a competición e compleméntase cunhas características físicas que constitúen unha das súas principais fortalezas sobre a pista.

A acumulación de minutos e experiencia competitiva foi outro dos aspectos fundamentais no seu crecemento. Mitoulis chegou a Lugo despois de pasar por diferentes estruturas de formación e equipos de máximo nivel, pero coa necesidade de sumar partidos e situacións reais de xogo. A súa primeira tempada no Arenal Emevé permitiulle avanzar tamén neste apartado.

"Competir ensínache cousas que só podes adquirir xogando partidos. Milos necesitaba esa continuidade e agora queremos que siga sumando experiencia, que gañe regularidade e que aproveite todo o potencial que ten. Aínda pode crecer moito", apunta Valle.

O adestrador tamén pon en valor a súa actitude no día a día e a integración no vestiario como factores determinantes para apostar pola súa continuidade. "Ten unha dinámica de traballo moi boa, é un gran compañeiro e sempre está disposto a mellorar. Estamos moi contentos de que decidise continuar unha tempada máis e de que volva con ganas de traballar e cumprir obxectivos", engade.

Con 20 anos, Mitoulis afrontará así a súa segunda campaña en Lugo co obxectivo de manter a progresión amosada durante o último curso, continuar desenvolvéndose como receptor e gañar experiencia competitiva, sen deixar de lado a polivalencia que lle permite ofrecer solucións en diferentes situacións.

A súa renovación supón un novo paso na configuración do cadro masculino do Arenal Emevé para a tempada 2026/27. Mitoulis súmase ás renovacións xa anunciadas do oposto Tomás Zazo e do central Bandugu Fofana, mentres que o club tamén incorporou o receptor Amilcar Abreu, o central brasileiro Gregory Silva e o novo colocador monfortino Dani Pena.

Deste xeito, o conxunto lucense conta xa con seis xogadores confirmados para o novo curso, combinando a continuidade de pezas que coñecen o proxecto coa chegada de novos efectivos destinados a reforzar diferentes posicións.

0.15279483795166