Modernizan a Casa do Concello de Cervantes cunha actuación integral de mellora enerxética

LugoXa
O proxecto, cun investimento de 147.818,17 euros financiado con fondos europeos, da Xunta e municipais, reforza a eficiencia e a comodidade das instalacións
melloras-Casa-do-Concello-de-Cervantes
4 Mar 2026

O Concello de Cervantes vén de completar unha intervención integral de mellora enerxética na Casa do Concello co propósito de converter as instalacións municipais nun espazo máis eficiente, sostible e confortable tanto para o persoal como para a veciñanza que acode a diario ás dependencias administrativas.

A actuación contou cun investimento total de 147.818,17 euros, dos cales o 60 % procede de fondos europeos da Unión Europea, mentres que o 20 % foi achegado pola Xunta de Galicia e o 20 % restante corresponde a fondos municipais. A execución foi posible grazas a unha subvención obtida polo Concello a través da administración autonómica e financiada maioritariamente con recursos europeos.

Os traballos realizados abrangueron a substitución da iluminación convencional por tecnoloxía LED, a renovación de enchufes e interruptores, actuacións de illamento térmico para optimizar o rendemento enerxético do edificio, así como a instalación dun sistema de aerotermia con aire acondicionado e calefacción. A intervención completouse con labores de pintura interior e a colocación de falsos teitos, contribuíndo a mellorar tanto a funcionalidade como a imaxe das dependencias.

Desde o Concello subliñan que esta actuación forma parte dunha liña de traballo orientada a optimizar os espazos públicos e avanzar cara a un modelo municipal máis respectuoso co medio ambiente e máis eficiente no consumo de recursos.

0.096202850341797