Mogo e Bustos piden o voto en Lugo para que Sánchez siga á fronte do Goberno

O candidato do PSdeG ao Senado por Lugo, César Mogo, e o número dous da candidatura ao Congreso, Jorge Bustos, pediron este luns o apoio da veciñanza lucense para revalidar o Goberno de Pedro Sánchez nas eleccións do vindeiro 29 de novembro. Ambos chamaron a trasladar ás urnas a mobilización rexistrada no mitin do presidente do Goberno en Santiago de Compostela, no que se encheu o Fontes do Sar.
Mogo cualificou de "revulsivo" a participación no acto, celebrado a catro días do remate da campaña, e asegurou que percibe unha cidadanía mobilizada e con ganas de votar. O candidato contrapuxo dúas formas de entender a política e puxo como exemplos da "mala política" os anónimos falsos que atribuíu a dirixentes do PP, as mocións de censura con tránsfugas e os insultos. Fronte a iso, defendeu o respecto aos demais e aos adversarios políticos.
No ámbito das infraestruturas, Mogo reivindicou a apertura da estación intermodal de Lugo, que entrará en funcionamento este martes, como exemplo do compromiso do Executivo central coa provincia. Tamén se referiu á autovía A-54, que asegurou que está próxima a rematarse, e á conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense, que considerou imprescindible para que a alta velocidade chegue á cidade.
O socialista tamén destacou a revalorización das pensións durante o Goberno de Sánchez e a suba do 75% do salario mínimo interprofesional, fronte ás políticas do PP. "Coa papeleta socialista, Pedro Sánchez será presidente. É a única que o pode garantir", afirmou.
Pola súa banda, Bustos asegurou que percibe "moito nerviosismo por parte da dereita e da ultradereita" tras o mitin de Santiago e vinculou a participación cidadá coa defensa dos dereitos que se decidirán nas urnas o 29N. O candidato tamén condenou as pintadas contra a socialista Carmela Silva nun domicilio particular de Vigo e rexeitou a polarización e a violencia no debate público. "Opoñémonos totalmente a esta polarización, opoñémonos a esa violencia, a esa persecución", declarou.
Bustos reivindicou o dereito de todas as persoas a exercer o seu traballo e defender publicamente as súas ideas con liberdade e seguridade. Ambos os candidatos animaron a militancia socialista a "dalo todo" nos últimos días de campaña e pediron á cidadanía lucense que participe nas eleccións deste domingo.