Mohammed Ilia impón o seu talento no Torneo Internacional de Ourense cunha contundente vitoria

O loitador lucense Mohammed Ilia, representante do club Free Dojo, proclamouse vencedor do Torneo Internacional celebrado en Ourense, unha cita deportiva de primeiro nivel que reuniu a destacados competidores da selección galega e da selección portuguesa.
Nun enfrontamento marcado pola alta esixencia competitiva, Ilia demostrou unha gran superioridade técnica fronte ao seu rival. Durante os tres asaltos do combate, o deportista lucense dominou a contenda de principio a fin, exhibindo un amplo repertorio de golpes e patadas que lle permitiron controlar o ritmo do combate e neutralizar os intentos de resposta do adversario.
A súa actuación foi recoñecida polos xuíces, que lle concederon a vitoria por decisión unánime tras unha actuación sólida e convincente sobre o cuadrilátero.
Este novo triunfo confirma o excelente momento deportivo que atravesa Mohammed Ilia. Hai apenas dous meses, o loitador xa asinara unha actuación histórica en Pontevedra ao proclamarse campión tanto na modalidade de Tatami como na de Ring durante a mesma fin de semana, un logro que puxo de manifesto a súa versatilidade e capacidade de adaptación dentro dos deportes de contacto.
De cara aos próximos meses, o equipo técnico do Free Dojo prevé que o deportista continúe participando en competicións de kickboxing para seguir acumulando experiencia e manter a súa progresión. Ademais, se a súa evolución física e técnica continúa ao mesmo nivel e conta co visto e prace do seu adestrador, Fredi Mosteirín, Mohammed Ilia podería dar o salto ás Artes Marciais Mixtas (MMA) antes de que remate o presente ano.
Os éxitos do loitador tamén reflicten o traballo que se está desenvolvendo no Free Dojo, un club que continúa fortalecendo o seu equipo de competición e consolidándose como unha referencia na formación de novos talentos. As instalacións da entidade lucense acollen unha destacada canteira de deportistas que se preparan ao máis alto nivel e que aspiran a destacar nos próximos anos en disciplinas como o kickboxing, o muay thai, o boxeo, o Brazilian Jiu-Jitsu (BJJ) e as MMA, tanto no ámbito nacional como internacional.
RECOÑECEMENTO DO CONCELLO
O Concello de Lugo felicita ao deportista lucense Mohammed Ilia, integrante do club Free Dojo, pola vitoria acadada no Torneo Internacional.
Desde o Concello destacan o esforzo, a disciplina e o compromiso que hai detrás destes logros, ao tempo que trasladan os seus parabéns ao deportista, ao seu adestrador Fredi Mosteirin e a todo o equipo do Free Dojo polo traballo que están a desenvolver.
O goberno local quere recoñecer tamén o papel que desempeñan os clubs deportivos da cidade na promoción do deporte base e na formación de novos talentos, contribuíndo a que Lugo siga sumando referentes en distintas disciplinas deportivas.
"Os éxitos de Mohammed Ilia son tamén un reflexo do bo momento que vive o Free Dojo, un club que continúa consolidando unha destacada canteira de deportistas en modalidades como o kickboxing, o muay thai, o boxeo, o Brazilian Jiu-Jitsu e as artes marciais mixtas", sosteñen.