Mondoñedo rehabilitará un edificio para ceder dúas plantas a unha entidade sen ánimo de lucro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
16 Out 2019

A creación de novos servizos e a rehabilitación e conservación do patrimonio construído son dous dos obxectivos do goberno municipal de Mondoñedo, presidido por Elena Candia. Nesa liña se inscriben os pasos que comezou a dar co fin de que, mediante un convenio entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e Solo para o financiamento de accións de rehabilitación, sexa posible restaurar un edificio emblemático e, segundo as previsións, ceder dúas das súas plantas a unha entidade social sen ánimo de lucro.

A alcaldesa, Elena Candia, indica que, coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Mondoñedo inicia os trámites para a compra do edificio do antigo Hospital de Cabanela. É un edificio emblemático, cuxa restauración suporá un avance na mellora do parque inmobiliario de Mondoñedo e mellorará tamén a imaxe urbanística. A colaboración Concello-Xunta materialízase mediante un convenio entre a institución municipal e o IGVS para o financiamento dos traballos de rehabilitación.

Ao mesmo tempo, o Concello tenta dotar a Mondoñedo de novos servizos. Por iso, inicialmente está previsto que se cedan dúas plantas do inmoble que vai ser restaurado a unha entidade social sen ánimo de lucro, para unha residencia de menores. Esta entidade será seleccionada pola Xunta de Galicia, mediante o correspondente procedemento.

Este é un proxecto que creará quince postos de traballo, para atender as seguintes responsabilidades e tarefas: dirección, auxiliar administrativo, traballador/a de noite, educadores, cociñeiro e gobernante/a do servizo de lavandería.

A alcaldesa, Elena Candia, expresa o seu agradecemento ao BNG polo apoio á creación do servizo, aínda que non concorde e critique outros aspectos desta iniciativa. En canto ás críticas efectuadas polo PSOE, só se pode dicir que unha vez máis demostra a súa falta de sentido da responsabilidade en todo o que resulta beneficioso para Mondoñedo, como é o caso desta iniciativa. Por certo, con respecto á cualificación que fan deste asunto como «pelotazo urbanístico», hai que dicir que é unha mentira absoluta con algún perfil de dubidosa legalidade.

0.14429998397827