Mondoñedo ultima medidas económicas e sociais para axudar aos veciños

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Á vista da grave e excepcional situación provocada pola pandemia causada polo coronavirus, o Concello de Mondoñedo traballa nun paquete de medidas, de contido económico e social, para axudar aos veciños a superar esta difícil conxuntura.
25 Mar 2020

Á vista da grave e excepcional situación provocada pola pandemia causada polo coronavirus, o Concello de Mondoñedo traballa nun paquete de medidas, de contido económico e social, para axudar aos veciños a superar esta difícil conxuntura. Entre outras, procederase á suspensión do cobro de alugueres de locais municipais, entre eles os da Praza da Abastos, durante o tempo de peche obrigado. É a primeira medida, pero nestes momentos o Concello de Mondoñedo traballa na redacción dun plan municipal transversal, en colaboración co resto de Administracións, que contribúa a saír da situación provocada pola crise sanitaria e, especialmente, aos sectores máis afectados.

Ao mesmo tempo, é de destacar que o Concello de Mondoñedo conta cunha ordenanza reguladora das prestacións económicas municipais de emerxencia ou de urxente necesidade, dirixida a paliar situacións carenciais graves que afecten ás necesidades básicas e/ou extraordinarias das persoas residentes e empadroadas en Mondoñedo. Estas prestacións están reguladas na correspondente ordenanza, aprobada en 2018.

Segundo se establece na citada ordenanza, os gastos que poden ser cubertos mediante este tipo de axudas son os seguintes: os derivados das necesidades básicas da vivenda habitual (alugamento, hipoteca ou recibos de subministración e reparacións básicas urxentes); aloxamento alternativo temporal; alimentación; menciñas e outros produtos de carácter sanitario que non cubra o Sistema Público de Saúde; apoio á conciliación familiar e laboral; transporte; calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores e que os traballadores consideren preciso cubrir.

Na citada ordenanza establécese que o período máximo destas axudas será de catro meses, se ben poderanse prorrogar excepcionalmente en casos concretos e debidamente acreditados e xustificados, tanto documental como tecnicamente. A ordenanza recolle que, en ningún caso, a cantidade percibida nun ano pola unidade familiar beneficiaria das axudas comprendidas neste regulamento poderá superar na súa totalidade en dúas veces o IPREM mensual vixente.

0.19304084777832