Monterroso acolle este mércores un escape room gratuíto ao aire libre de XOGAL 2026

LugoXa
A Praza de Santa Lucía será o escenario dunha experiencia familiar con enigmas, premios e actividades lúdicas o 1 de xullo ás 11:00 horas
XOGAL-xogando
30 Jun 2026

Monterroso acolle este mércores, 1 de xullo, a quinta cita do proxecto XOGAL 2026 cun escape room gratuíto ao aire libre que se desenvolverá na Praza de Santa Lucía ás 11:00 horas, coincidindo coa súa coñecida feira mensual.

Baixo o título «Monterroso, vila de feira», a actividade propón unha experiencia aberta a toda a familia na que non é necesario descargar ningunha aplicación. Co móbil no peto e espírito de aventura, os equipos participantes deberán resolver enigmas e superar diferentes retos nun percorrido lúdico pola historia e identidade da vila.

O escape room está impulsado polo proxecto XOGAL, promovido polos GDR Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla en colaboración coa empresa galega Escapeo, e pretende poñer en valor o patrimonio e a memoria das feiras tradicionais galegas, así como a evolución de Monterroso a través de episodios históricos como a chegada de Ramón Díaz en 1908.

A experiencia combinará xogo e divulgación, permitindo aos participantes mergullarse no ambiente dunha das feiras máis emblemáticas de Galicia, con feirantes, gando, pregóns e o bulicio característico que cada día 1 enche a vila.

Ademais da propia actividade, os equipos mellor clasificados poderán optar a premios en forma de experiencias turísticas e de lecer, mentres que todas as persoas participantes entrarán automaticamente nos sorteos previstos pola organización. Ao remate da xornada, ofrecerase tamén un pequeno aperitivo de peche para os asistentes.

0.12388300895691