Monterroso actualiza a normativa sobre solo non urbanizable de núcleos rurais
O Concello de Monterroso acordou na última sesión plenaria e a proposta da Alcaldía a modificación do instrumento de
planeamento urbanístico xeral do que dispón, unhas Normas Subsidiarias do ano 1.996. Estas normas, delimitan os terreos dos núcleos de poboación como SNU-NRECT e establecen para eles una regulación tanto de usos como de condicións de edificación.
Ante a falta de perspectiva de aprobar nun tempo razoable un novo instrumento de planeamento xeral, o Concello opta por modificar as NSP co fin de acomodar a ordenanza de Solo Non Urbanizable de Núcleos Rurais existentes de Carácter Tradicional (SNU-NRECT) ás determinacións establecidas para os ámbitos delimitados como núcleos rurais de poboación na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), co fin de que poidan desenvolverse con usos necesarios e acordes a actualidade, eliminando limitacións que impiden un pleno desenvolvemento dos asentamentos de poboación do municipio.
O obxecto da Modificación Puntual número 5 é o de axustar o contido da ordenanza reguladora do “Solo Non Urbanizable de Núcleos Rurais Existentes de Carácter Tradicional” (SNU-NRECT) das NSP, tomando como referencia as
ordenanzas do Plan Básico Autonómico, depurando a normativa e anulando disposicións por incompatibilidade coa lexislación vixente. O alcalde, Eloy Pérez,explica que con esta modificación “aumenta a edificabilidade nos núcleos rurais para a construción de vivenda e construcións complementarias, como garaxes”. Ademais, “a partir da aprobación definitiva poderanse autorizar construcións para usos hostaleiros, cuestión que ata o de agora non era posible e impedía a materialización de proxectos no rural que estaban pendentes”, precisa.
Tras a aprobación desta proposta, apoiada pola unanimidade do Pleno, ábrese un proceso de información pública de dous meses durante o cal se poden presentar alegacións. O ámbito da ordenanza comprende os seguintes lugares: Pallota, Marco, Montecalvo-Medorras, Marzán, Tarrío de Buxercos, Lardeiros, Ligonde, Airexe, Rego, Comeas, Gontá, Gundín Penaforcada, Sestelo, Penela-Lodoso, Lucencia, Outeiro, Aldea de Abaixo-Brixeo, San Cristobo, Vilar Fonxe, Pedraza-
San Lorenzo, Fufín, Vilanova, Cumbraos, Casas do Monte, Leborei, Ponte dos Carros, Tarría-Areosa, Novelúa-O Castro, Trascastro, VIlamaior-Casas de Gai, Moreira, Bidouredo, Podente, Fental, Esporiz, Fondevila, Arada, Satrexas, Arxona, Esteba, Tuxide, Penas, Sandolfe, Vilar, Pol, Sirgal, Parteme de Riba, Lourentín, Frameán, San Breixo, Ladar, Goleta, Seixós, Fente, Graña, Piñeiro, Martín, Sucastro, Güimil, Bispo, Vilance-O Campo-O Alto, Traslama-Curuxás,
Ferreiros, Sindín, Viloide, Ansar, Salgueiros. O expediente está a disposición de quen queira consultalo na sede electrónica
do Concello de Monterroso.