Monterroso celebra este sábado o seu Magosto Popular con música, gastronomía e actuacións

A Sociedade Deportiva Monterroso organiza este sábado, 21 de novembro, unha nova edición do seu Magosto Popular, unha celebración que combinará gastronomía tradicional, música e festa no pavillón A Cúpula. A programación comezará ás 22:00 horas cunha cea popular e continuará con diferentes actuacións musicais ao longo da noite.
O menú terá un prezo de cinco euros e incluirá torresmos, chourizo, pan, castañas asadas, café, sobremesa e auga. As entradas poderán adquirirse na propia porta do recinto a partir das 21:30 horas, mentres que os menores de 10 anos terán acceso gratuíto.
A programación musical arrancará ás 23:00 horas coa actuación de Falcatrueiros, incluída no Plan Móvete 2026. Xa ás 00:15 horas, a festa continuará coa sesión de Carballas DJ, que se encargará de poñer música ao remate da xornada.
Desde a organización animan á veciñanza a participar nesta celebración e colaborar coa iniciativa para contribuír á continuidade do magosto. O evento conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Monterroso.