Monterroso celebrará en xullo de 2026 a XIII Concentración Motera

Monterroso converterase os días 18 e 19 de xullo de 2026 nun dos puntos de encontro do motociclismo galego coa celebración da XIII Concentración Motera, unha cita que reunirá afeccionados ás dúas rodas nun programa cargado de actividades, exhibicións e propostas de lecer.
O evento dará comezo o sábado 18 de xullo ás 16:00 horas coa apertura das inscricións. Unha hora máis tarde celebraranse diferentes xogos moteiros, entre os que se inclúen probas de ruído e carreiras de sacos. A programación continuará ás 19:00 horas coa primeira exhibición de stunt a cargo de Emilio Zamora, un dos pratos fortes da concentración.
A xornada concluirá cunha cea para os participantes ás 22:00 horas. Xa á medianoite terá lugar un segundo pase de Emilio Zamora, seguido dunha sesión musical amenizada por un DJ.
As actividades retomaranse o domingo 19 de xullo ás 09:00 horas cun almorzo para os asistentes. Ás 11:00 horas está prevista unha ruta turística libre con pinchos, mentres que ás 13:00 horas terá lugar unha sesión vermú. O programa pecharase ás 14:30 horas cun xantar de confraternidade, o sorteo de agasallos e a entrega de trofeos.
A organización ofrecerá ademais acampada gratuíta para as persoas inscritas e destaca que o evento estará aberto a todo tipo de público. As inscricións terán un prezo de 50 euros na modalidade completa e de 35 euros na modalidade reducida para os participantes.
A XIII Concentración Motera está organizada polo Motoclube Ó Corte e conta coa colaboración do Concello de Monterroso, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Asociación de Grupos Moteros Galegos.