Monterroso celebrará o 31 de xullo a XX Festa da Xuventude con música, xogos e ruta de bares

Monterroso celebrará o vindeiro venres 31 de xullo a XX Festa da Xuventude, unha cita organizada pola Asociación As Pequenas coa colaboración do Concello de Monterroso e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que este ano alcanza dúas décadas de historia cun programa pensado para todos os públicos.
A programación dará comezo ás 16:30 horas no Espazo Cultural Lorenzo Varela, onde se desenvolverán xogos populares para fomentar a participación e o ambiente festivo entre a veciñanza.
Ás 19:00 horas arrancará unha ruta de bares amenizada pola charanga Eravisto, unha actividade incluída no programa Plan Móvete 2026 da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que levará a música polas rúas da vila durante a tarde.
A partir das 00:00 horas a festa trasladarase ao escenario principal co concerto da orquestra Punto Clave, formación coñecida polo seu repertorio de éxitos actuais e clásicos das verbenas. A continuación será a quenda de DJ Maikstyle, que manterá o ambiente festivo antes do peche da noite a cargo de DJ Aldan.
A organización habilitará ademais un espazo libre de violencias machistas para promover unha celebración segura e respectuosa. Concello e Asociación As Pequenas animan á veciñanza e aos visitantes a participar nunha das citas máis consolidadas do verán na comarca da Ulloa.