Monterroso inaugura a mostra 'Castelao grafista (facsímile)' no Espazo Cultural Lorenzo Varela

A exposición Castelao grafista (facsímile) vén de ser inagurada no Espazo Cultural Lorenzo Varela, unha iniciativa que achega ao público unha coidada selección da obra gráfica do artista rianxeiro.
A mostra reúne facsímiles pertencentes á Colección de Arte Afundación xunto con debuxos do álbum Cousas da vida, integrados na Colección de Arte ABANCA. O conxunto complétase con retratos fotográficos, caricaturas, ilustracións e portadas de revistas, configurando un percorrido amplo e representativo da traxectoria artística de Castelao.
A exposición permite afondar na evolución do seu compromiso ético, social e político, ao tempo que pon de relevo o seu dominio dos recursos plásticos e a súa fonda paixón pola ilustración como medio de expresión. Trátase dunha proposta pensada para achegar tanto a dimensión artística como o pensamento dun dos grandes referentes da cultura galega.
Castelao grafista (facsímile) poderá visitarse desde hoxe e ata o 26 de febreiro, en horario de 10.30 a 19.30 horas, no Espazo Cultural Lorenzo Varela de Monterroso.