Monterroso incorpora un vehículo adaptado para reforzar os servizos sociais municipais

LugoXa
A actuación, financiada en gran parte con axudas Leader e fondos europeos, busca mellorar a atención ás persoas con mobilidade reducida
vehículo-servizos-sociais-Monterroso
22 May 2026

O Concello de Monterroso incorporou un vehículo adaptado destinado aos servizos sociais municipais, unha actuación orientada a mellorar a atención ás persoas con mobilidade reducida e facilitar os desprazamentos vinculados aos distintos servizos de carácter social que se prestan no municipio.

A iniciativa contou co apoio das axudas Leader xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC). O Goberno local recibe unha axuda do 87,5% do total.

A incorporación deste vehículo permitirá reforzar os servizos sociais municipais e ofrecer unha resposta máis accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza, especialmente no caso das persoas maiores, con dificultades de mobilidade ou que precisan apoio para realizar determinados desprazamentos vinculados á atención social.

Segundo recolle a documentación oficial, o vehículo está destinado especificamente aos servizos sociais e deberá incorporar a correspondente identificación vinculada ao financiamento europeo e ás obrigas de publicidade establecidas pola normativa comunitaria.

Este novo vehículo foi recepcionado polo alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, acompañado polo equipo de Goberno.

0.1184139251709