Monterroso inicia os trámites para ceder unha parcela municipal ao IGVS para a construción de vivenda protexida

O Concello de Monterroso levará ao pleno ordinario a proposta de inicio do expediente para a cesión gratuíta dunha parcela de titularidade municipal ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O obxectivo é incorporar este inmoble ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
A parcela está situada na Avenida de Pontevedra número 15, conta cunha superficie de 478 metros cadrados e ten fachada tanto á propia Avenida de Pontevedra como á rúa Concepción Arenal. Na actualidade, o solar atópase sen edificar.
Segundo o informe técnico incluído no expediente, a parcela reúne as condicións necesarias para formar parte do programa impulsado polo IGVS. O documento sinala que o terreo está clasificado como solo urbano, que o uso residencial é compatible co planeamento municipal vixente, que dispón dos servizos urbanísticos básicos e que non existe ningunha limitación urbanística ou sectorial coñecida que impida a súa incorporación á iniciativa.
No caso de que a proposta reciba o visto e prace do pleno, o expediente abrirase a un período de información pública de vinte días. Durante este prazo publicarase un anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro municipal para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que consideren oportunas.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, destacou a relevancia desta medida e asegurou que “poñer solo municipal a disposición do IGVS é unha oportunidade para facilitar a promoción de vivenda protexida e contribuír a que máis persoas poidan acceder a unha vivenda en condicións máis accesibles”.