O Concello de Monterroso iniciou a primeira fase das obras de asfaltado do camiño de acceso desde a N-640 en dirección a Areosa, que inclúe o aglomerado ata o lugar de Lentil e o ramal de Lamaretorta. Esta intervención enmárcase no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025.
As obras, que buscan mellorar a accesibilidade das explotacións agrícolas e gandeiras da zona, consistiron na incorporación dunha nova capa de aglomerado en quente sobre o firme existente, garantindo a súa resistencia ao tráfico rodado. Ademais, leváronse a cabo melloras na drenaxe, coa limpeza de foxos mediante motoniveladora, e na sinalización das interseccións, especialmente coa estrada N-640, onde se instalaron sinais horizontais e verticais.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, destacou a relevancia desta actuación para o desenvolvemento agrícola e gandeiro da zona. As obras foron solicitadas á Xunta a través do AGADER e contan co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).