Monterroso prepara tres días de Entroido fulicheiro con música, baile infantil e concurso de disfraces

O Concello de Monterroso vén de presentar unha ampla programación para celebrar o Entroido Fulicheiro 2026, cun calendario de actividades que se estenderá ao longo de tres xornadas e que combinará propostas musicais, actos pensados para o público infantil e o tradicional concurso de disfraces, un dos momentos máis esperados destas datas.
A programación dará comezo o venres 13 de febreiro cun concerto de música popular a cargo de Toño Núñez e Xosé Manuel do Castro, que presentarán o espectáculo Dimes e diretes e outros ferretes. A actuación celebrarase ás 20:30 horas no Centro Sociocultural de Xuventude e Terceira Idade, abrindo oficialmente o Entroido no municipio.
O domingo 15 de febreiro será a quenda da cativada co Baile Infantil de Entroido, que terá lugar ás 17:00 horas no Espazo Cultural Lorenzo Varela, unha actividade pensada para que nenos e nenas poidan gozar do Entroido nun ambiente festivo e familiar.
O día grande chegará o sábado 21 de febreiro co Concurso de Disfraces do Concello de Monterroso. A xornada incluirá pasarrúas a partir das 17:30 horas e o concurso propiamente dito ás 18:00 horas na Cúpula. Establécense dúas categorías, unha para individuais ou grupos de ata catro persoas e outra para comparsas de cinco ou máis membros, ademais dun premio especial de 100 euros ao mellor Fulicheiro. As bases completas do concurso poderán consultarse no Facebook municipal.
Ese mesmo día, a partir das 23:30 horas, celebrarase a Festa de Entroido na Cúpula, coa actuación do grupo Fénix e a música de DJ Carballas. Ademais, ás 20:00 horas terá lugar a Ruta dos Bares organizada pola SD Monterroso, e a entrega dos premios da Ronda de Bares realizarase á 01:00 horas. O Goberno local repartirá premios en metálico aos mellores disfraces e haberá un premio especial de 100 euros ao mellor Fulicheiro, apostando un ano máis por manter viva unha das celebracións máis arraigadas e participativas do calendario festivo de Monterroso.