Monterroso reclama á Deputación 253.255 euros para financiar servizos e actuacións municipais

LugoXa
O Goberno local levará ao Pleno unha moción para solicitar un convenio de cooperación económica destinado a mellorar o alumeado, manter vehículos e instalacións e garantir servizos sociais
concello-monterroso-edificio-2023
2 Sep 2026

O Concello de Monterroso solicitará á Deputación de Lugo unha achega de 253.255 euros para facer fronte a diferentes investimentos e gastos vinculados ao mantemento e á prestación dos servizos públicos municipais. A petición será sometida a votación no Pleno ordinario de mañá mediante unha moción do equipo de Goberno local.

A proposta busca que a institución provincial formalice co Concello un convenio interadministrativo de cooperación económica con características similares aos acordos que a Deputación mantén con outros municipios da provincia para financiar investimentos e gastos correntes de competencia municipal.

A maior partida, de 98.685 euros, destinaríase ao pagamento da enerxía eléctrica necesaria para edificios, instalacións, infraestruturas e servizos municipais, co obxectivo de garantir o seu funcionamento e a continuidade dos servizos públicos.

O Concello tamén solicita 40.730 euros para a adquisición de produtos alimenticios destinados aos servizos municipais de carácter social, entre eles a Escola Infantil Municipal, o Centro de Día e o servizo de comidas a domicilio.

No ámbito do alumeado público, a petición inclúe 30.914 euros para actuar no Barrio dos Pinos e outros 23.764 euros para a renovación e mellora da iluminación en Montecalvo, dentro dunha aposta pola modernización e a eficiencia das instalacións municipais.

A proposta contempla ademais 31.644 euros para a reparación, conservación e equipamento da maquinaria e dos vehículos utilizados na prestación de servizos públicos, incluídos os destinados ao servizo de obras municipais e ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES). A esta partida súmanse 23.596 euros para a compra de combustible necesario para o funcionamento destes vehículos e maquinaria.

Por último, solicítanse 3.920 euros para financiar o servizo de fisioterapia do Centro de Día, co propósito de reforzar a atención e o benestar das persoas usuarias.

O equipo de Goberno de Monterroso defende que a solicitude non busca recibir un trato privilexiado por parte da Deputación, senón garantir que a veciñanza do municipio dispoña das mesmas oportunidades de acceso aos mecanismos provinciais de cooperación económica que o resto dos concellos.

Neste sentido, a moción reclama que a petición sexa analizada con criterios de igualdade, obxectividade, proporcionalidade e equilibrio territorial. O Goberno local considera que, se existen convenios para financiar investimentos, servizos e gastos correntes noutros municipios en situacións comparables, Monterroso debe poder acceder tamén a este tipo de apoio para necesidades que, segundo sinala, están debidamente acreditadas.

No caso de que a solicitude non sexa atendida, o Concello pide que calquera diferenza de trato sexa xustificada de maneira expresa, suficiente e obxectiva.

"Monterroso non debe quedar á marxe de mecanismos de financiamento que a Deputación Provincial considera válidos e utiliza para atender necesidades equivalentes noutros concellos", defende o equipo de Goberno local.

0.12506508827209