Monterroso reúne a preto de 300 persoas na Festa da Terceira Idade

Preto de 300 persoas participan este venres na Festa da Terceira Idade de Monterroso, unha cita organizada polo Concello para render homenaxe aos maiores do municipio e compartir unha xornada de convivencia, reencontros e celebración.
A programación comezou cunha misa na igrexa parroquial e continuou coa actuación da Banda EGS. Durante a xornada está a celebrarse un xantar no recinto da Cúpula, onde se reúnen os asistentes, antes de dar paso á actuación musical do Dúo Trasnos.
Desde o Goberno local destacan o carácter especial deste encontro, pensado para recoñecer a traxectoria e a contribución das persoas maiores á vida do municipio, ademais de ofrecerlles un espazo para compartir experiencias e reencontrarse.
O Concello de Monterroso agradeceu a elevada participación nesta edición e puxo en valor o tempo, o esforzo e o cariño das persoas maiores, protagonistas dunha celebración coa que o municipio quere expresarlles o seu recoñecemento.