Mulleres activistas de Ecuador comparten coa Ulloa Viva a loita contra as industrias extractivistas
Un grupo de mulleres da Amazonía de Ecuador visitan estes días Galicia dentro da iniaciativa “Elas paran o espolio” da
Asociación Entrepueblos. Tres das activistas implicadas directamente desde hai unha década na loita contra o extractivismo no parque nacional Yanusí visitaron xunto coa Plataforma Ulloa Viva algunhas das zonas directamente afectadas polo proxecto da instalación da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. A loita destas mulleres no proceso do parque nacional Yasuní, na Amazonía de Ecuador, contra a industria mineira e petroleira, acadou un plebiscito nacional en agosto de 2023 e cuxo resultado, favorable á protección deste espazo natural, supón un mandato popular ao que o goberno ecuatoriano aínda non deu resposta.
En Palas de Rei visitaron xunto coa Plataforma Ulloa Viva a veciñas que desenvolven na Ulloa proxectos vitais que respectan o territorio, xeneran riqueza e emprego e productos de calidade. Co seu exemplo de loita en Ecuador contra as
industrias extractivistas, quixeron hoxe dar o seu apoio ás mulleres da Plataforma Ulloa Viva que levan meses de loita contra a “desfeita” que a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei suporía para o medio ambiente, a economía e a saúde da poboación nas comarcas da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa.
Ene Nenquimo, lideresa indíxena da comunidade waorani de Gomataon, Dayuma Nango, lideresa indíxena da comunidade waorani de Toñampade, defensora dos dereitos das mulleres e da preservación da cultura waorani e Manai Prado,
historiadora e activista, parte fundadora do colectivo YASunidos en defensa de territorios en contra do extractivismo, experta comunitaria en Dereitos da Natureza pola Universidade Andina Simón Bolivar visitaron na Vacariza a explotación gandeira dos Cea. Súa filla, membro da Plataforma Ulloa Viva, Mónica Cea, ensinoulles a zona onde Altri quere instalar a macrocelulosa. Tamén estiveron na Eira da Xoana (Ramil, Agolada) e en Milhulloa cun proxecto ecolóxico de éxito desde fai máis de vinte anos. Remataron a súa visita en Casa Alongos (Melide), un establecemento de hostelería en pleno Camiño de Santiago que se abastece de productos de proximidade da contorna.