Mulleres Empresarias de Lugo organizan un obradoiro de aromaterapia para o coidado na primavera

A Asociación Mulleres Empresarias de Lugo impulsa un novo obradoiro centrado na aromaterapia e na elaboración de bálsamos naturais orientados ao coidado persoal durante a primavera.
A proposta busca dar resposta aos cambios propios desta estación, que poden provocar cansazo, alerxias ou maior sensibilidade na pel.
A cita desenvolverase o 24 de abril, en horario de 16:00 a 20:00 horas, nas instalacións do CEI Nodus, nunha iniciativa que aposta polo benestar e o autocuidado a través de métodos naturais.
A actividade terá un carácter práctico e sensorial, permitindo ás persoas participantes descubrir o potencial dos aceites esenciais e aprender a aplicalos no seu día a día. Durante o taller, explicaranse os efectos destes produtos naturais, ofreceranse pautas para escoller os máis axeitados segundo as necesidades individuais e levarase a cabo a creación de bálsamos que cada asistente poderá levar consigo.
O obradoiro estará impartido por Noelia Solar, profesional con máis de 25 anos de experiencia no ámbito da cosmética natural, quen guiará as sesións combinando coñecementos teóricos e prácticos.