Nace a Asociación de Mulleres Rurais Costureiras Terras do Eo en Baleira

LugoXa
A nova entidade arrinca cun programa de actividades sociais, culturais e formativas aberto á veciñanza
Asociación-de-Mulleres-Rurais-Costureiras-Terras-do-Eo-en-Baleira
28 Apr 2026

A Casa Fonteo acolleu a festa de presentación da Asociación de Mulleres Rurais Costureiras Terras do Eo, nun encontro aberto á veciñanza co obxectivo de compartir o inicio desta nova etapa asociativa no municipio.

No acto estiveron presentes o voceiro socialista no Concello de Baleira, José Tellado; o alcalde de Ribeira de Piquín e integrante da dirección provincial do PSdeG de Lugo, Roberto Fernández Rico; e a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos. Todos eles trasladaron o seu respaldo a unha iniciativa promovida por mulleres do rural e enfocada a dinamizar a vida social, cultural e comunitaria da localidade.

Dende o PSdeG de Baleira destacaron o traballo das mulleres emprendedoras que impulsan esta asociación, así como a relevancia de recuperar espazos de encontro e convivencia no medio rural.

A nova entidade desenvolverá exposicións monográficas, obradoiros de distintas disciplinas e actividades destinadas ao conxunto da veciñanza. Entre as propostas previstas inclúense clases de danza, defensa persoal, pintura en acuarela e lenzo, ademais doutras iniciativas relacionadas coa creatividade, a formación e a convivencia.

Os socialistas de Baleira felicitaron á asociación polo seu nacemento e comprometeron o seu apoio a proxectos que axuden a fortalecer o tecido social, poñer en valor o papel das mulleres rurais e xerar actividade nos diferentes núcleos do municipio.

0.14995408058167