Nace a asociación veciñal As Carballeiras en Lugo para representar os barrios da zona sur da cidade

Nace en Lugo a Asociación Veciñal As Carballeiras, un novo colectivo que, segundo explica o seu presidente, Beni Abeledo, xorde coa vontade de representar os barrios da zona sur da cidade, entre os que se atopan Fingoi, San Roque, Fonte do Rei, Augas Férreas, Montirón ou Fontiñas, entre outros.
A entidade fórmase co obxectivo de sumar esforzos, construír comunidade e defender os intereses da veciñanza destes barrios, subliñando ademais que está aberta a toda a cidadanía e que considera necesaria a creación de novas asociacións que velen polos intereses veciñais en Lugo.
Como primeira actividade, a asociación organizará unha ruta polo barrio de Fingoi este sábado 9 de maio ás 11.30 horas, cun percorrido que partirá do Centro Social de Fingoi e rematará na Praza Roxa, cunha duración aproximada de hora e media e carácter gratuíto.