Nace unha nova asociación no rural de Lugo, pero con proxección global: Lugo Sur Conturiz

LugoXa
Formada por 12 persoas relacionadas coa vida social e cultural de Lugo, entre as que se atopan o seu presidente, Carlos Vázquez, ten o obxectivo de promover o coñecemento de diferentes ámbitos no municipio
presentacion-asociacion-Lugo-Sur-Conturiz
16 Jan 2026

Jessica Fernández

A cidade de Lugo conta cun novo axente dinamizador da vida social e cultural coa creación da asociación Lugo Sur Conturiz, unha entidade que nace coa vontade de ir máis alá do ámbito veciñal tradicional e de abrirse a toda a cidadanía.

Na presentación, que tivo lugar o pasado luns 12 de xaneiro no Hotel Torre de Núñez, acudiron representantes da sociedade de Lugo, como o alcalde, Miguel Fernández; o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, así como concelleiros do PSOE, do BNG e do PP. Tamén estivo a subdelegada do Goberno, Olimpia López.

A asociación está formada por doce persoas vinculadas á realidade social e cultural lucense entre as que destaca o presidente, Carlos Vázquez, acompañado na directiva por Rosa María Díaz como vicepresidenta, Marcos Folgueira como secretario e Miguel Cumbraos como tesoureiro.

Lugo Sur Conturiz xorde cunha filosofía diferente á da histórica asociación de veciños de Conturiz. Tal e como explica o seu presidente, a nova entidade pretende ser máis aberta e transversal, mantendo a súa sede en Conturiz pero cunha vocación claramente urbana. “Non é só unha asociación veciñal, senón tamén cultural”, sinala Carlos Vázquez, que subliña que, aínda que as actividades se desenvolverán no local social da parroquia, o obxectivo é atraer xente de toda a cidade e doutras parroquias, contando sempre cos veciños de Conturiz como parte fundamental do proxecto.

A motivación para poñer en marcha Lugo Sur Conturiz está directamente ligada á idea de levar coñecemento e debate a distintos puntos da cidade e das súas parroquias. A asociación nace impulsada por persoas relevantes da sociedade lucense coa intención de organizar conferencias e encontros de carácter sanitario, cultural, xurídico e deportivo, abordando tamén cuestións relacionadas coa seguridade cidadá, unha preocupación crecente entre a veciñanza. Neste sentido, a entidade quere tratar temas como a prevención de furtos ou as inquietudes relacionadas coa convivencia, sempre da man de profesionais e expertos.

Entre os principais obxectivos da asociación está a divulgación de coñecementos útiles para a cidadanía. Lugo Sur Conturiz pretende organizar charlas e conferencias con especialistas en distintos ámbitos, especialmente no sanitario, contando con profesionais da atención primaria e doutros ámbitos da medicina, así como expertos en seguridade cidadá, cultura e dereito. Carlos Vázquez destaca o orgullo que supón poder contar con persoas cualificadas que acheguen a súa experiencia á veciñanza e insiste en que a prioridade é “expandir este coñecemento” e facelo accesible ao maior número posible de persoas.

A directiva da asociación amósase ilusionada ante o inicio desta nova etapa e confía nunha boa acollida por parte da cidadanía. “Temos a ilusión e as ganas e traballaremos para que isto poida funcionar, tratando a todo o mundo por igual e sen deixar a ninguén atrás”, afirma o presidente, que tamén pon o acento na importancia de contar coa colaboración das administracións públicas para poder desenvolver o seu labor.

A intención de Lugo Sur Conturiz é consolidarse como un proxecto estable no tempo, fomentar a participación doutras zonas da cidade e colaborar con outras asociacións, sempre dentro das súas posibilidades, co obxectivo común de fortalecer o tecido social e cultural de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.093212842941284