Navia de Suarna acollerá unha nova sesión do Cineclube da Montaña centrada nos incendios do Courel

A Asociación Ser volverá impulsar un ano máis o Cineclube da Montaña en Navia de Suarna, unha iniciativa que busca crear un espazo de encontro para reflexionar sobre o territorio a través do cinema e fomentar o diálogo comunitario arredor de cuestións que afectan ao medio rural.
Nesta nova edición proxectarase o documental O Son da Serra. Cando O Courel derramou bágoas de cinza, unha produción que revisita os incendios forestais que afectaron a Serra do Courel en xullo de 2022 e que pretende abrir unha reflexión que vai máis alá desa contorna concreta. Desde a organización destacan que a realidade dos incendios tamén interpela directamente a outras zonas de montaña como Os Ancares, ao compartir ecosistemas, riscos e preocupacións comúns.
Tras a proxección celebrarase un coloquio aberto entre os asistentes co obxectivo de analizar o sucedido, compartir impresións e debater sobre posibles medidas para a protección do monte e a conservación do territorio, así como sobre as aprendizaxes que deixaron experiencias anteriores.
A actividade desenvolverase no Conxunto Etnográfico das Pallozas de San Román o venres 10 de xullo ás 19.30 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.