Navia de Suarna acollerá unha xornada divulgativa sobre a eclipse total de sol de 2026

A cita, incluída no programa “Galicia, porta da entrada da eclipse - DTS Ancares Lucenses”, celebrarase o 14 de maio no salón de plenos do Concello con entrada gratuíta
eclipse-solar
13 May 2026

Navia de Suarna acollerá este xoves, 14 de maio de 2026, a xornada divulgativa “Galicia, porta da entrada da eclipse - DTS Ancares Lucenses”, unha iniciativa orientada a achegar coñecemento sobre a eclipse total de sol que poderá observarse o 12 de agosto de 2026.

A actividade desenvolverase no salón de plenos da Casa do Concello de Navia de Suarna entre as 9:00 horas e as 14:30 horas, cun acceso gratuíto pero con prazas limitadas, polo que será necesaria inscrición previa a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org
ou no teléfono 982 227 813.

O programa abrirase ás 9:00 horas coa benvida ás persoas asistentes, dando paso ás 9:15 horas a unha charla-coloquio titulada “Astronomía básica dunha eclipse e observación segura”, impartida por Begoña Estévez e Antonio Pazos, monitores Starlight. Ás 11:00 horas realizarase a presentación oficial da xornada e ás 11:35 horas terá lugar a intervención “Fotografía da eclipse”, a cargo de Fernando Rey Daluz, experto en formación audiovisual e divulgación científica certificado pola Fundación Starlight. Posteriormente, ás 12:45 horas, levarase a cabo unha práctica de fotografía da eclipse e observación solar, incluíndo un simulacro do fenómeno astronómico, antes do peche da xornada ás 14:30 horas.

Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses forma parte dos Destinos Turísticos Starlight de Galicia, recoñecidos pola calidade dos seus ceos e o seu potencial para o desenvolvemento dun astroturismo sostible, nun proxecto no que colaboran a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo.

0.11809492111206