Navia de Suarna celebrou con éxito a XXXV Festa da Androlla

A cita gastronómica reuniu milleiros de visitantes e contou coa colaboración da Deputación de Lugo cunha achega de 3.000 euros
Festa-da-androlla-Navia-de-Suarna
16 Feb 2026

A Festa da Androlla de Navia de Suarna volveu converterse nun reclamo multitudinario na súa trixésimo quinta edición, confirmándose como unha das celebracións gastronómicas máis destacadas da provincia.

A xornada arrancou ás 10.00 horas cun pasarrúas protagonizado por un grupo de gaitas, que puxo música ao inicio dunha programación que continuou ás 10.30 horas coa apertura da feira, aberta ata as 18.00 horas e na que os asistentes puideron adquirir produtos típicos e pezas de artesanía.

A Deputación de Lugo destinou 3.000 euros para apoiar esta convocatoria, que cada ano se celebra o domingo de Entroido e que atrae milleiros de visitantes á Montaña lucense e ao conxunto da provincia.

A presidenta da Deputación, Carmela López, participou na celebración acompañada polo alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, así como por deputados e deputadas provinciais, para poñer en valor a importancia gastronómica deste produto.

Durante a súa visita, a presidenta trasladou os seus parabéns aos produtores pola elaboración dun alimento que cualificou de gran calidade e tivo ocasión de coñecer de primeira man o proceso artesanal da androlla, preparada a base de costela de porco adobada con pementón, sal e allo.

Carmela López salientou que esta celebración non só reivindica o patrimonio culinario da zona, senón que tamén contribúe a dinamizar a economía local, favorecer a creación de emprego e reforzar a proxección da Montaña lucense como destino turístico de referencia.

⚙ Configurar cookies
0.080427885055542