Negueira de Muñiz acollerá a cuarta edición das xornadas internacionais 'Ciencia na aldea'

A Asociación Corripa e a área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentarán a cuarta edición das xornadas internacionais 'Ciencia na aldea', que se celebrarán os días 25, 26 e 27 de abril en Pena da Nogueira, no Concello de Negueira de Muñiz.
O acto de presentación terá lugar ás 17:30 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo, coa participación do deputado Daniel García, e contará coa proxección de varios vídeos, entre eles un resumo da edición anterior e outro sobre o proxecto Da escola á granxa. Ademais, celebrarase unha mesa redonda centrada na agrogandeiría extensiva como ferramenta de conservación da biodiversidade, coa participación de gandeiros e especialistas do sector.
A programación inclúe as intervencións de Vanessa Paredes (presidenta da Asociación Corripa), Alberto Uría (vicepresidente da entidade e moderador da mesa redonda), así como a participación de profesionais do campo como Isabelle Gómez, Miguel Cordero, Chusa Expósito e Marcos Vázquez.
Nesta edición, o evento terá un marcado carácter internacional, coa presenza de representantes do Festival das herbas espontáneas de Ussaramanna, na illa italiana de Sardeña, cos que se formalizará un irmandamento simbólico. Do mesmo xeito que no 2024, cando o evento se uniu ao prestixioso Parque Biolóxico de Gaia, en Portugal, esta alianza busca fortalecer redes de intercambio e cooperación arredor da ciencia, a cultura rural e o medio ambiente.
Unhas 30 persoas entre investigadores, gandeiros e divulgadores de España e Italia participarán nos debates, conferencias e actividades que se desenvolverán durante as tres xornadas no Ecomuseo O País do Abelleiro, un espazo emblemático dentro de Negueira de Muñiz, o municipio con menor densidade de poboación de Galicia.
Ciencia, agrogandeiría, medio ambiente, arte e poesía entrelázanse neste proxecto impulsado por Corripa e a Deputación, que se ten consolidado como unha das propostas máis singulares do panorama estatal en materia de divulgación científica e conservación do medio rural.
A inscrición no evento será de balde e abrirase nos vindeiros días, tras a súa presentación oficial. Desde a organización destacan o éxito das edicións anteriores, nas que se esgotaron todas as prazas, e reafirman o seu compromiso co desenvolvemento rural e coa promoción do coñecemento desde o territorio.