Nerea Fernández e Olga Vallejo galardoadas nos Premios Rafael Crecente

LugoXa
Os IV Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras en Xestión Territorial distinguen a Nerea Fernández e Olga Vallejo
IV premio rafael crecente de propostas lugo
24 sep 2021

Os Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) do Campus Terra da USC para impulsar entre os titulados universitarios a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia, distinguen na súa cuarta edición as candidaturas presentadas por Nerea Fernández Canto e Olga Vallejo López, que foron seleccionadas polo xurado entre as presentadas.

Nerea Fernández Canto acadou o primeiro dos galardóns establecidos nas bases da convocatoria e dotado cunha gratificación en metálico de 2.000 euros, ademais de diploma acreditativo, co traballo ‘Verificación dun sistema que garanta a orixe das fariñas e do pan de trigo autóctono de Galicia mediante o uso de marcadores moleculares e técnicas microscópicas’.

A segunda candidatura máis valorada polo tribunal responsable de fallar os IV Premios Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión territorial é a presentada baixo o título ‘Proposta de proxecto permacultural: Espiral Crecente’. A autora desta proposta, Olalla Vallejo López recibirá como agasallo unha gratificación en metálico de 1.000 euros, ademais de diploma acreditativo.

O xurado dos IV Premios Rafael Crecente tamén destacou a calidade de todos traballos presentados a esta convocatoria, á que concorreron as candidaturas ‘Forest‐Biotech: O potencial dos recursos forestais galegos na innovación de procesos biotecnolóxicos’, de Ana Arias Calvo; ‘Aldeas de Bogo: o rexurdir postindustrial’, de Celtia Traviesas Méndez; ‘Camiño Circular S. Coop. Galega’, de Lara Blanco Fernández; ‘Xestión de grandes superficies da viña mediante o emprego de imaxes multiespectrais de UAVs e satélites, de Marta Rodríguez Fernández, e ‘Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo’, promovida por Irene Ortiz Leal e Sara Ruiz Rubio.

A sesión de entrega dos galardóns da cuarta edición dos Premios Rafael Crecente desenvolverase en liña o martes 28 de setembro, a partir das 12.00 horas. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, será a encargada de abrir este acto, que comezará cun relatorio a cargo da investigadora do Centro de Investigación e Biodiversidade e Xenética da Universidade de Porto Ângela Lomba.

Aquelas persoas interesadas neste evento poderán participar ou seguir o acto a través da canle de Youtube do Laboratorio del Territorio da USC ou na plataforma telemática Zoom. A sesión contará con interpretación simultánea a inglés. 

IV premio rafael crecente de propostas lugo1
0.20484614372253